O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou as fortalezas, o crecemento e o potencial da provincia de Pontevedra como un destino turístico referente en calidade e sustentabilidade nunha recepción con representantes do sector turístico que tivo lugar esta tarde na Casa de Galicia de Madrid e no que participaron tamén outros membros do goberno provincial.
O mandatario provincial puxo en valor o esforzo dos profesionais para contribuír ao crecemento do destino turístico Rías Baixas ao mesmo tempo que agradeceu o compromiso do sector para seguir apostando e traballando de xeito conxunto para facer da provincia de Pontevedra “un destino adaptado aos tempos da intelixencia artificial, un destino ambicioso cunha estratexia clara para seguir medrando de xeito controlado e un destino sustentable no que o deporte e a cultura son os complementos ideais”.
O mandatario provincial ofreceu unhas palabras de benvida aos representantes das empresas do sector turístico ao comezo do acto. “O turismo fai que a nosa provincia sexa un fogar para tantos madrileños, hoxe Madrid acóllenos na casa de todos os galegos”, comezou López, quen recoñeceu que existen “poucos escenarios mellores que a Casa de Galicia, pouco público máis especializado e poucas datas mellores que a de Fitur” para falar das Rías Baixas e da súa riqueza. Un discurso no que amosou a súa satisfacción polo feito de que a Deputación e as empresas “compartimos esa paixón e vocación por dar a coñecer o noso paraíso das Rías Baixas”.
Neste sentido, o presidente da Deputación recordoulles que a presentación da campaña 100 % Rías Baixas, presentada na mañá deste mércores en Fitur, supuxo un triplo paso adiante. “Un paso adiante nese desexo irrefrenable que temos por dicirlle ao mundo que Pontevedra é desfrutar, un paso adiante para remarcar que o noso é un destino sustentable e un paso de xigante para descubrir que as nosas Rías Baixas son o destino ideal para viaxar en calquera época do ano”.
O crecemento e consolidación que as Rías Baixas experimentaron nos últimos anos son froito do traballo e cooperación conxunto entre a administración provincial e o sector turístico. Unha alianza que levou ás Rías Baixas a “acaparar titulares de prensa, ocupar os postos máis altos das listas de destinos turísticos de moda e a competir sen complexos con outros lugares exóticos”, afirmou López, quen recalcou que non é necesario ser Hawái para ofrecer experiencias de surf, nin o Caribe para bucear, nin Escocia para ver castelos, nin a Toscana ou Burdeos para presumir de viñedos e viños. “Non somos ningún deses destinos, nin queremos selo, nin falta que fai. Porque somos 100 % Rías Baixas”, reivindicou o dirixente. O da provincia é un modelo de destino turístico de excelencia moldeado pola auga, eixo central da campaña, porque “mentres noutros lugares é un reto, para nós a auga é unha vantaxe: a súa abundancia nos distingue; os seus froitos fannos únicos”, asegurou.
Tampouco faltou o recoñecemento polos resultados obtidos no pasado ano no ámbito do turismo. “O voso labor ten unha alta cota de responsabilidade no éxito que están a ter as Rías Baixas. A vosa profesionalidade, a vosa determinación co turismo de calidade e o voso compromiso coa sustentabilidade dixeron que o ano 2023 fose histórico para o turismo na nosa provincia. Pero lonxe de conformarvos, vexo un sector enfocado e confiado en facer do 2024 un ano aínda mellor”, valorou Luis López, convencido de que, “e sei que estades de acordo comigo, o turismo na provincia de Pontevedra non tocou teito”.
Con todo, deixou clara a única liña vermella que existe neste camiño de crecemento, “o único camiño posible é o da sustentabilidade”, subliñou. “As Rías Baixas son e deben seguir sendo sinónimo de espazos naturais de alta calidade ambiental, de experiencias saudables e respectuosas co medio ambiente e de produtos sans, ecolóxicos e de proximidade”, insistiu o presidente da Deputación.
Rematou Luis López o seu discurso de benvida cunha mensaxe de ánimo para aproveitar a presencia das Rías Baixas nunha feira como Fitur. “Os ollos do turismo mundial miran cara Madrid. Temos unha oportunidade única para dicirlle ao mundo o que somos. Somos calidade e sustentabilidade, somos apoio ao sector e consideración hacia un motor económico, e somos unha oferta infinita de experiencias e recordos imborrables. Somos 100 % Rías Baixas, agora que o saiba todo o mundo”, concluíu.