O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López solicitou onte á noite, nun mitin celebrado no Centro Cultural de Mañufe, o «apoio masivo» dos veciños de Gondomar a Alfonso Rueda «para seguir garantindo a estabilidade e os investimentos neste Concello«.

O tamén presidente da Deputación de Pontevedra destacou as achegas millonarias da Xunta de Galicia en Gondomar durante a derradeira lexislatura e anunciou que «ademais de que van ser superadas no mandato 2024-2028, só están garantidas, atendendo as necesidades dos veciños de Gondomar, coa presidencia de Alfonso Rueda e un goberno do Partido Popular, xa que a inestabilidade dun multipartito de esquerdas non terá a Gondomar entre as súas prioridades».

No mitin, que ateigou as 120 prazas do auditorio deste centro cultural, tamén interviñeron a voceira municipal, Paula Bouzós, e o conselleiro de Sanidade e candidato número 4 por Pontevedra, Julio García Comesaña. Tamén estiveron presentes a secretaria xeral do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro; os alcaldes de Baiona e Mos, Sito Almuiña e Nidia Arévalo; e os candidatos pontevedreses Alberto Pazos e Ana Iglesias.