Máis de 1.000 persoas de 15 entidades sociais dos concellos de Baiona, Campo Lameiro, Crecente, Lalín, Oia, Ponteareas, Redondela, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa participarán esta semana en saídas do +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia.
Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como as illas de San Simón e A Toxa, O Grove, Vigo, Gondomar, Nigrán, Cangas, Poio ou, entre outros, A Estrada.
As saídas comezarán este xoves, 3 de outubro, coa excursión que 54 persoas da ANPA Tintureira do CEIP A Paz, de Vigo, realizarán pola ría de Vigo e a Illa de San Simón. Xa o sábado, 5 de outubro, será a quenda de nove entidades. 226 persoas da Asociación de Padres do Colexio Javier Sensat, de Vigo, visitarán a Illa de San Simón, onde tamén irán 50 persoas da ANPA CEIP Fontes Baíña, de Baiona.
Ademais, 55 persoas da Asociación de Mulleres Féminas en Acción, de Vilanova de Arousa, coñecerán San Simón e Vigo; 50 persoas da Asociación Veciñal da Parroquia do Freixo, de Crecente, farán unha excursión a Vilagarcía e ao Grove; 50 da Asociación de Maiores de Ponteareas visitarán O Grove, as illas da Toxa e Arousa e darán un paseo en catamarán pola ría; 50 integrantes da Asociación da III Idade Nevox, de Vigo, viaxarán ao Grove e á Toxa; 50 persoas da Asociación Coral San Telmo de Tui coñecerán Forcarei e o mosteiro de Aciveiro, Silleda, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e a cascada do río Toxa; 55 da Asociación de Familias e Mulleres Rurais Deza, de Lalín, farán unha ruta por Gondomar e Nigrán, e 50 integrantes da Asociación de Mulleres en igualdade de Don Ramiro, de Lalín, coñecerán Cangas.
Finalmente, o sábado 6 de outubro cinco entidades gozarán das súas excursións pola provincia. Serán 80 persoas da APA Colexio Labor, de Vigo, que farán unha ruta cultural pola cidade; 80 da Asociación Interparroquial, de Campo Lameiro; 54 persoas da Asociación Veciñal Socio Cultural e Deportiva O Freixo de Valladares, Vigo, coñecerán as camelias señoriais e farán a ruta das maceiras; 50 da Asociación de Festas do Carmen de Sotoxusto, de Redondela, realizarán unha ruta polo mosteiro de Poio, Combarro e Portonovo, e 57 persoas da ANPA Beiramar de Oia percorrerán o monte Aloia e o río Tripes.
O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.