O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, afirma que o verán “volveu ser un auténtico éxito” para o turismo nas Rías Baixas. Con motivo da conmemoración do Día Mundial do Turismo, o mandatario provincial fixo balance da campaña estival na que a provincia rexistrou preto 700.000 visitantes, cun aumento do turismo internacional do 4,25 %, entre os meses de xuño e agosto que consolidan ás Rías Baixas como o destino líder en Galicia.
Un camiño de crecemento sustentable no que o organismo provincial seguirá apostando con experiencias ligadas á natureza, ao deporte e á tecnoloxía como a nova aplicación móbil Rías Baixas Go presentada este sábado nun acto con informadores da Rede de Turismo Rías Baixas e profesionais do sector no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. “Conmemoramos este Día Mundial do Turismo celebrando os extraordinarios datos turísticos do verán nas Rías Baixas, dándonos os parabéns polo novo recoñecemento internacional que recibimos en Cannes e co anuncio dunha nova ferramenta para seguir promocionando e traballando un turismo sustentable e descentralizado nas Rías Baixas”, resumiu Luis López.
Durante o acto, tomaron a palabra profesionais dun sector que aposta pola tecnoloxía e a promoción dos seus produtos, como é o caso de María Joao Jacinto, integrante da empresa ByAR que creou a aplicación Rías Baixas Go; ou de Maica Gómez, responsable do deseño da mascota Batea –inspirada no mexilón das Rías—e adscrita ao colectivo de Artesanía de Galicia; ou Damián Rey, responsable de Novas Tecnoloxías da Deputación, quen pilotou o proceso.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística e da rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas, entre os meses de xuño e agosto visitaron a provincia un total de 700.000 persoas, “o que mantén a liña de crecemento paulatino e constante”, salientou López, ante os deputados provinciais María Ramallo, Jorge Cubela e Ricardo Martínez; e ata hai semanas a responsable provincial de Turismo, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; outros alcaldes e concelleiros, así como a directora de Turismo, Romina Fernández.
Tal e como detallou López, de todo o volume de visitantes, unhas 490.000 procedían doutros lugares do país, mentres que máis de 210.200 chegaron desde outros países. Un aumento do visitante internacional que demostra “que as Rías Baixas son cada vez máis atractivas para os turistas de fóra de España, cun notable ascenso do 4,26%”, subliñou o presidente.
En canto a ocupación, o destino Rías Baixas reafirma o seu liderado en Galicia cunha ocupación media do 60% e unha estancia promedio de entre dúas e tres noites. Tamén aumentaron neste verán, con respecto ao mesmo período do ano 2024, as visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso cun total de 20.000 visitantes, así como os peregrinos que completaron algunha das variantes do Camiño de Santiago que atravesan a provincia cun total de 78.058 camiñantes que elixen maioritariamente o Camiño Portugués, seguido da súa variante pola costa, que é o itinerario que máis medra.
Ademais, o presidente provincial fixo fincapé nun dato extraído do informe das oficinas de Turismo Rías Baixas que indica que o 58,44% dos visitantes que chegaron este verán ás Rías baixas aínda non coñecían a provincia. “Un dato que podemos interpretar de dúas formas e as dúas son moi positivas. Por un lado, que as Rías Baixas chegan cada ano a máis xente. E, por outro, que moitos dos que nos descobren, repiten”, celebrou López, quen sostén que “a nosa aposta por un turismo sustentable e ligado á natureza, ao patrimonio e á cultura é o camiño correcto”.
Un destino distinguido
O bo momento que atravesa o turismo na provincia está relacionado, segundo recoñeceu o presidente provincial, co bo facer dos profesionais do sector. “Se o motor do turismo tira con máis forza ca nunca da economía, do emprego e do prestixio da provincia é grazas a un sector profesional, traballador e innovador”, dixo López en referencia ao traballo que realizan os profesionais da rede de oficinas de Turismo Rías Baixas, que contan este ano cun apoio da Deputación de 260.000 euros; e tanto das distintas empresas que ofertan aloxamento como das do sector do turismo, cultura, deporte, gastronomía ou ocio.
Neste sentido, tamén puxo en valor o traballo realizado por parte do goberno provincial a través de Turismo Rías Baixas, cuxa campaña de promoción do destino “Cando Volves?” está a acadar numerosos premios de ámbito internacional. O último, o Delfín de Prata do festival Cannes Corporate Media & TV Awards, recolleuno o presidente este xoves en Francia onde as Rías Baixas compartiron recoñecemento con entidades globais como Porsche, a UEFA, Booking ou Emiratos Árabes. “Na Costa Azul francesa, as Rías Baixas recibiron unha das máis importantes distincións a nivel internacional sen amosar unha soa praia, o que demostra que o noso compromiso coa sustentabilidade e a descentralización do turismo é recoñecido e aplaudido nun dos foros turísticos de maior prestixio mundial. E non é ó único premio, con este levamos xa cinco”, salientou López.
Aplicación móbil para impulsar novas rutas pola provincia
Uns bos resultados que animan a Deputación a seguir traballando nun modelo turístico cunha oferta variada, moderna e innovadora, respectuosa co medio ambiente e ligada ao deporte e ao territorio. Unhas características que se corresponden coa aplicación móbil Rías Baixas Go. Unha nova ferramenta para descubrir cinco novas rutas repartidas por todo o territorio da provincia para completar tanto a pé como en bicicleta.
A través das tecnoloxías da xeolocalización, os videoxogos e a realidade aumentada o usuario poderá descubrir os segredos que agochan estes cinco novos itinerarios: Grandes legados Rías Baixas (sur da provincia e ría de Vigo), Viaxe ao pasado Rías Baixas (Interior do sur da provincia), Galifornia Rías Baixas (Rías de Pontevedra e Arousa), Terras lexendarias de Rías Baixas (norte da provincia) e Familias en ruta pola Rías Baixas (Interior leste da provincia: Deza e Terra de Montes).
Ademais, os usuarios desta nova aplicación contarán cun guía moi especial: Batea, unha mascota con forma de mexillón das Rías Baixas que exerce de guía virtual destas cinco rutas e que poderá conseguirse tamén de forma física en forma de peluche.
“É un recurso que reforza a aposta pola descentralización e a promoción dos distintos concellos, de costa ou interior, da provincia”, concluíu o presidente Luis López, quen reafirmou a aposta do goberno provincial pola promoción turística das Rïas Baixas, insistiu en convidar a todo o mundo a descubrir calquera dos 61 concellos que compoñen a provincia e amosou o seu agradecemento a todos os profesionais do sector, cunha mención especial para poñer en valor o seu traballo á xa exdeputada de Turismo Nava Castro, “referente en Galicia, en España e noutros lugares do mundo” pola súa traxectoria á fronte das políticas públicas do sector.