Música nas Prazas chegou o pasado venres ao seu fin co concerto do grupo guardés «Helen & Shanna» na Praza dos Seixiños da Gándara.
Máis dun cento de persoas asistiron a este concerto que pon o punto e final á programación de Música nas Prazas deste ano, sendo este o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que contou cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Helen & Shanna
É un grupo guardés nado no ano 2013 e que xa ten ofertado numerosos concertos en salas e pequenos festivais en toda Galicia. Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.