IES CHANO PIÑEIRO

A edil de Manifesto Miñor, Rocío Cambra, asegurou que a empresa encargada de fornecer os alimentos os centros escolares de Gondomar está a recortar a cantidade de alimentos que se asigna aos alumnos. «Hai uns días os alumnos de 4º,5º e 6º do Colexio Chano Piñeiro de Gondomar quedaron sen o segundo prato de comida, porque non se lle subministrou o alimento necesario dende a empresa concesionaria do servizo«, indicou.

«O feito de que Manifesto Miñor fósemos expulsados do goberno municipal, non nos impide facer un seguimento permanente deste importante servizo social, complementario do dereito á educación e favorecedor da conciliación laboral e familiar«, afirmou a edil.

«Nas últimas semanas«, explica, «detectamos que tamén noutros centros de ensino do no noso concello se está a recortar o subministro da cantidade de alimentos que se asigna aos alumnos nos comedores escolares, que en ocasións chega a ser escaso. Alertamos e instamos ao novo responsable do departamento de Benestar Social do Concello de Gondomar, Francisco Ferreira, a que faga un seguimento puntual e constante das empresas para evitar que ningún alumno/a do noso concello quede a medio comer, ou que a comida escasee».