ALFREDO // Centro cultural y recreativo O Torreiro de Priegue

Manifesto Miñor-En Marea defende o carácter de servizo público dos centros culturais e o tecido asociativo en Nigrán. Estas organizacións actúan de facto como apéndices dunha Concellería de Cultura que é inexistente no Concello de Nigrán. Este tipo de organizacións actúan de forma desinteresada para tratar de vertebrar unha oferta que xere cultura, arraigo e actividade para os veciños, especialmente nas zonas do rural, sempre máis esquecidas.

Por parte de en MM-EM «denunciamos as constantes trabas á hora de tramitar subvencións e realizar calquera tipo de trámites derivados dunha Administración pouco flexible que xera ineficacia e perda de tempo e esforzos a colectivos que traballan para o benestar veciñal«.

Por este motivo, MM-EM propón dúas medidas:
1) Simplificar os requisitos
esixidos a estes entes á hora de realizar trámites coa Administración.

2) A creación dunha figura que traballe en relación directa cos centros culturais e asociacións para asesorarlles na tramitación de solicitudes e evitar a perda de tempo innecesaria das directivas para que estas podan centrarse na súa oferta cultural.

MM-EM considera que deste xeito facilitaríase a labor indispensable do tecido asociativo e permitiría ampliar a oferta cultural de Nigrán.