Telemariñas

Nestes últimos tempos, estamos a vivir una dramática situación de intolerancia e hostilidade contra as persoas transexuais, un ambiente transfóbico que estigmatiza e marxina a este colectivo xa de por si invisibilizado na nosa sociedade.

Dende Manifesto Miñor queren expresar o seu profundo rexeitamento a toda actitude LGTBIfóbica e reivindican máis implicación das administracións para evitar situacións discriminatorias que atenten contra as liberdades afectivo-sexuais.

Ademais, e como medida urxente, manifestan “é preciso a aprobación dunha Lei de Identidade de Xénero que garanta os dereitos das persoas trans e contribúan a loita contra os actos transfóbicos, por desgraza tan comúns nestes últimos meses. Xa que logo, facemos nosa a reivindicación de diversas asociacións e colectivos LGTBI que, o pasado venres 3 de febreiro, rexistraron no Parlamento de Galicia un borrador de Lei de Identidade de Xénero de Galicia”

“Neste senso, no próximo Pleno da Corporación Municipal de Gondomar (xoves, 6 de abril), o noso grupo municipal presentará, a través da concelleira de Benestar Social, Rocío Cambra, unha moción para instar o Parlamento de Galicia a debater e a aprobar na actual lexislatura a proposta de Lei de Identidade de Xénero, entregado o 3 de febreiro no rexistro do Parlamento polas asociación Amizando, Colectivo Trans Adulo, Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans e Ultreia LGTBI” explican dende a formación política.

“No Manifesto Miñor acreditamos na labor das asociacións que veñen traballando a prol da visibilidade das persoas trans, na defensa dos seus dereitos e na elaboración dun borrador de Lei para mellorar a súa situación. Un debate serio e rigoroso sobre a identidade de xénero debe contar coas devanditas asociacións na medida en que coñecen directamente as problemáticas que afectan á comunidade transexual” rematan.