Dado que unha parte importante da nosa veciñanza con contas bancarias na entidade ABANCA está a verse prexudicada polas elevadas comisións e gastos de xestión que esta entidade bancaria está aplicar ás contas correntes (sobre 100 euros anuais), dende Manifesto Miñor convocamos unha concentración diante da oficina desta sucursal bancaria en Gondomar o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 12:00 horas.

Dende Manifesto Miñor sempre defenderemos as nosas veciñas e veciños, por enriba dos intereses especulativos das entidades financeiras. Por iso, entendemos que a mobilización social é o camiño para denunciar esta nova situación de abuso por parte de Abanca e reclamar a devolución destas comisións e gastos de xestións que só afectan as persoas aforradoras xa que so se aplican ás contas correntes, e non a outros produtos financeiros con maior rendibilidade. Por iso, tamén aproveitaremos a concentración para reclamar unha banca ética, pública transparente e democrática, que se afaste dos intereses especulativos da banca privada.

A concentración desenvolverase seguindo todas as medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias dada a situación de emerxencia provocada pola Covid-19: distanciamento social de seguridade, uso de máscaras, etc.