Manifesto Miñor asegura nun comunicado de prensa que o anuncio feito polo alcalde, Paco Ferreira, hai oito meses sobre a solución definitiva para o comercio local de Gondomar coa incorporación do municipio á plataforma de venda on-line Dbarrio «é un fracaso, tanto pola fría acollida entre os comerciantes, como polo escaso uso da mesma que fixeron os potenciais clientes. Unha vez máis, o Sr. Ferreira preferiu vender fume creando a ficción dunha xestión que non fixo por desidia. A gravidade deste tipo de políticas baseadas no postureo e na foto, xogan coas expectativas dun sector especialmente castigado pola crise, que unha vez máis se sente estafado e manipulado pola propaganda oficial«.

«Naquela altura dende “Manifesto Miñor” propuxéramos crear unha plataforma de venda on-line propia, xestionada polo Concello e os comerciante, no canto de diluír o comercio local nun espazo virtual onde ten que competir maiormente cos comercios de Vigo, como foi o caso«, afirman.

«Agora –din- estamos vendo como os concellos da nosa contorna e da provincia están lanzando con éxito a modalidade proposta por MM hai case un ano. Tomiño vén de lanzar a súa; Cuntis puxo en marcha “MercaCuntis”; Redondela ten funcionando “Redondela Merca na Casa”, ou Tuí a súa,“É Tui” acesa en galego, español, inglés, francés e portugués…..Todas elas teñen en común que van dirixidas ao comercio local e de proximidade dos seus respectivos concellos; apoiadas nos medios de comunicación e nas redes socias regularmente e, sobre todo, cunha imprescindible fase de formación dos comerciante, así como un seguimento do proceso por parte dos técnicos municipais ou contratados a tal efecto«.

Dende MM anuncian que levarán este asunto de novo ao Pleno coa intención de reconducir a situación e axudar a que non se perda o comercio local, tan importante para a economía de moitas familias.

As propostas de MM son:

1ª.- Crear unha plataforma municipal propia de venda on-line xestionada polo Concello, comerciantes, hostaleiros e pequenos negocios de todo tipo instalados en Gondomar.

2ª.- Proceder á información e formación dos comerciantes e autónomos locais sobre a necesidade deste tipo de negocio que veu para quedar, e de como manexalo, tanto tecnicamente como os sistemas de marketing, de vendas, etc. existentes.

3ª.- Facer o seguimento e acompañamento dende a Concellaría de Comercio deste proceso novo para moitos comerciantes e clientes, creando un organismo estable, facendo campañas de información e animando a mercar no comercio local nos medios de comunicación e nas redes sociais, así como ideando un sistema de reparto de compras, etc.

4ª.- Por último, propoñemos que mentres dure o estado de pandemia do COVID-19, que se proceda a rebaixar e/ou bonificar todas as taxas e impostos que dependan do Concello co ánimo de evitar o peche masivo e definitivo das tendas e comercios da nosa localidade.