Despois dos anos de pandemia e confinamentos «Manifesto Miñor» volve organizar na Comarca a celebración do 25 de xullo, «Día da Patria», de maneira aberta a toda a veciñanza do Val de Miñor que queira compartir con nós unha tardiña de compromiso con Galicia, mais tamén unha xornada de confraternización e unidade que tan necesaria é.

O acto terá lugar, un ano máis, no Pazo da Escola en Mañufe este venres, día 22 ás 21:00 horas, e dirixiranlle a palabra aos asistentes tres persoas veciñas nosas de recoñecido prestixio e brillante oratoria: a escritora e profesora da UVIGO, Rexina Vega; o historiador e activista cultural e polifacético Xosé Lois Vilar, e catedrática xubilada da UVIGO Camiño Noia. Ao remate haberá un viño do país e petiscos.