«Unha parte importante da veciñanza de Gondomar e de todo o Val Miñor con contas bancarias na entidade ABANCA, estase a ver prexudicada por elevadas comisións e gastos que esta entidade bancaria está aplicar a súa clientela. Estas comisións impóñense sobre contas correntes, non sobre produtos financeiros de esperada rendibilidade. É dicir, afectan os consumidores«, indican dende Manifesto Miñor.

Dende a formación política din que, «para defender as nosas veciñas e veciños por enriba dos intereses especulativos das entidades financeiras e denunciar o cobro abusivo de comisións e gastos de xestión de ABANCA, dende Manifesto Miñor organizaremos unha serie de mobilizacións sociais. Logo de presentar unha moción no Concello de Gondomar (aínda sen defender por non se convocar Plenos no noso concello), para conseguir o compromiso de toda a Corporación Municipal na defensa das veciñas e veciños afectados, e de enviar escritos de queixa ao servizo de reclamacións do Banco de España e da propia entidade bancaria, agora comezamos cunha serie de concentracións que se desenvolverán nas próximas semanas diante das oficinas de Abanca da contorna».

«Este luns concentrámonos un grupo de veciñas e veciños de Gondomar diante da oficina de Abanca. Virán novas mobilizacións ata que a entidade financeira devolva todas as comisións e gastos de xestión e revirta a súa política e cobros sobre as contas correntes», aseguran.