CEDIDA

Nun comunicado de prensa, Antonio Araújo Quintas, concelleiro do Grupo Municipal de MM-EM expón que segundo o calendario escolar para o curso 2020/2021 publicado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Orde do 25 de xuño de 2020), o curso comeza o día 10 de setembro  no 2º ciclo de educación infantil, en toda a educación primaria e na educación especial e o día 16 de setembro na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato e na formación profesional. É dicir, en menos de tres semanas está prevista a volta presencial ás aulas e toda a comunidade educativa está a denunciar a falta de protocolos de actuación e organización claros por parte da Consellería diante da situación de emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19.

No caso concreto de Gondomar, contamos cunha Galiña Azul en Gondomar, un Colexio Rural Agrupado (CRA Antía Cal), catro centros de educación infantil e primaria (CEIP Serra – Vincios, CEIP Chano Piñeiro – Gondomar, CEIP Souto – Donas, CEIP Neira Vilas – Peitieiros) e dous institutos de Educación Secundaria que, malia os esforzos dos equipos directivos, son insuficientes para garantir unhas mínimas medidas de seguridade, tanto para o profesorado, como para o alumnado e as familias ante unha previsible nova vaga de contaxios.

En Manifesto Miñor asumimos as demandas da comunidade escolar e dos sindicatos maioritarios de educación que levan meses esixindo unha redución das rateos para garantir unha maior seguridade nos centros de ensino. Porén, en ningún dos centros mencionados dispoñen de aulas e espazos suficientes para garantir a diminución das rateos de estudantes por grupo.

Estes días, a Conselleira de Educación, a señora Pomar, en declaracións en prensa, achacou a imposibilidade de aumentar grupos e reducir as rateos de alumnos e alumnas por aula á falta de espazo nos centros de ensino. En Gondomar existen espazos, como as antigas escolas unitarias actualmente de titularidade municipal, que ben poderían utilizarse nestes momentos polas autoridades educativas para ampliar o número de grupos e diminuír as rateos.

Por todo o anteriormente exposto, propoñemos a Corporación Municipal de Gondomar a adopción dos seguintes acordos:

1º- Poñer a disposición da Consellaría de Educación as antigas escolas unitarias baleiras e outros espazos de titularidade municipal sen actividade ou cunha actividade compatible coas labores docentes (por exemplo, o Pavillón de Deportes Municipal, o vello centro de saúde, o antigo colexio público “Enrique Rgz. Márquez”,  etc.)  que reúnan as condicións ou precisen pequenas adaptacións para impartir aulas.

2º- Solicitar da Consellaría de Educación, Universidade e Formación profesional a contratación de máis profesorado e persoal non docente, así como a prestación dos servizos necesarios (transporte, limpeza, etc.) para poder impartir aulas neses espazos.

3º- Dar traslado dos presentes acordos as ANPAS e aos equipos directivos dos centros de ensino do Concello.