A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra, o Premio Pedigree, á cineasta, escritora e investigadora Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), unha das autoras cun traballo máis transversal no cinema galego, abranguendo campos que van da creación á investigación e á docencia no ámbito audiovisual.
A organización do certame quere premiar en Margarita Ledo unha obra caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada. A súa é unha interesante ollada, cunha evolución desde o documental a novas vías de exploración difuminadas coa ficción. Margarita Ledo recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas no marco do XIX Festival de Cans, que terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.
A traxectoria cinematográfica de Margarita Ledo
Directora de catro longamentraxes, co seu último filme, Nación (2020), acadou varios recoñecementos como o Premio á mellor dirección de película española no prestixioso Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Mestre Mateo ao mellor documental e resultou preseleccionada para os Goya.
Con anterioridade, Margarita Ledo dirixiu Santa Liberdade (2004), cinta na que recupera a memoria do secuestro do buque homónimo, organizado por antifascistas galegos e portugueses para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar; Liste, pronunciado Líster (2007), a modo de biografía anticlásica do líder comunista galego; e A cicatriz branca (2012), na que explora a figura da muller galega exiliada na Arxentina.
O premio Pedigree 2022 irá acompañado dunha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita.
Federico Pérez, Javier Tolentino e Marisol Troncoso e Alfonso González, Chimpíns de Prata 2022
Federico Pérez Rey, Chimpín de Prata ‘Premio Pepe Puime’. O actor, guionista e monologuista é un dos rostros máis populares de Galicia. Fíxose moi coñecido pola súa interpretación en numerosas series emitidas na TVG.
As súas intervencións en La Casa de Papel, Néboa ou El Desorden que dejas, téñeno proxectado fóra de Galicia, ademais da súa participación en diferentes filmes como Mar Adentro de Alejandro Amenábar, 18 comidas de Jorge Coira, Os fenómenos de Alfonso Zarauza ou Cuñados, de Toño López.
Grande asiduo do Festival de Cans, onde ao longo dos anos ten colaborado en coloquios, presentacións e películas, exercendo de mestre de cerimonias en varias entregas de premios, este 2022 recibirá a distinción honorífica pola súa traxectoria como actor e a súa disposición a colaborar sempre coa organización.
Javier Tolentino, Chimpín de Prata. Referente do xornalismo cultural e, sobre todo, da información cinematográfica. Durante case dúas décadas estivo á fronte do programa El Séptimo Vicio (Radio 3), referente imprescindible do público cinéfilo, co que acadou un cento de galardóns, entre eles o Premio da Crítica ou á súa traxectoria no Festival de Cine de San Sebastián.
Tras cumprir a súa etapa en Radio 3, Tolentino abriu un novo camiño como director. O seu filme de debut Un blues para Teherán resultou finalista na última edición dos Premios Goya na categoría de mellor documental e será proxectado en Cans.
Prestando sempre especial atención ás periferias e ao pequeno cinema independente, Javier Tolentino foi o primeiro xornalista cultural de fóra de Galicia que puxo Cans no mapa cinematográfico, xa desde as primeiras edicións. En 2018 realizou tres memorables programas en directo desde o Baixo de Moncho, que lle deron outra dimensión ao festival no mundo do cinema. Tolentino é un dos grandes difusores de Cans, motivo polo que este ano recibirá o recoñecemento honorífico do Chimpín de Prata.
Marisol e Fonso, Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’.Pertencentes a unha familia na que varios irmáns son colaboradores habituais do festival, Marisol e Alfonso son os propietarios do Baixo de Alfonso, do que o público popularizou nas redes a súa «porta voadora». Situado no barrio da Pedreira, é un dos espazos fixos da proxección das curtas a concurso desde hai varias edicións.
Pola súa calidade humana e disposición permanente a colaborar co festival mesmo nos momentos difíciles por mor da pandemia, Marisol e Fonso reciben este ano o Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’ e os seus nomes sumaranse aos doutros veciños e veciñas xa homenaxeados no coñecido Muro dos chimpíns.