Tralo parón provocado pola Covid19, volve o teatro, e Tomiño arranca o seu outono teatral coa peza Despois das ondas, de ButacaZero, unha obra que da vida á diva coruñesa María Casares.

A cita é o vindeiro sábado 3 de outubro, ás 22:00 horas, dentro da programación de outono do concello de Tomiño. E terá lugar no Auditorio de Goián, de onde precisamente é unha das actrices da peza, Sonsoles Cordón, quen interpreta na peza a unha boa chea de personaxes, incluíndo ao nobel Albert Camus. A obra, que mestura numerosos rexistros en escena, inclúe numerosas coreografías das que a goianesa é, non só bailarina, senón tamén coreógrafa.

Pero todas as persoas de Tomiño que decidan achegarse ao teatro o vindeiro sábado, non só gozarán de ver en escena á súa veciña, senón que terán a sorte de ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse o pasado ano neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.

Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.

Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e, como xa dixemos, Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.

Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se convirta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.

O aforo estará reducido por mor da Covid. As entradas, que teñen un prezo de 7 euros, poden reservarse chamando ao número 986622001, ou no email cultura@tomino.gal

SINOPSE:  Despois das ondas

Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia nunha xira teatral.

A nena medrou para converterse na gran actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?

Nesta peza mesturando cine en directo, teatro e música poderemos percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.