O Festival de Cans vai poñendo a punto os motores dos chimpíns este mércores, coa veciñanza de Cans como protagonista. A xente da aldea, colaboradora e partícipe, é o eixe central deste día, no que se agradece a súa inestimable contribución ao festival.

Na segunda xornada da súa semana grande, o XIX Festival de Cans inclúe un bo número de actividades e moitas emocións. A homenaxe a María Casares, coa inauguración da rúa efémera na que participarán as actrices Lidia Veiga, Mariana Carballal, Melania Cruz, Sabela Hermida e Isabel Blanco, e a estrea na Noite dos Veciños do documental colectivo As feirantas de Cans son algúns dos pratos fortes da programación deste mércores.

Rúa efémera María Casares, coloquio Aisge e As Feirantas de Cans do obradoiro Cans 303

As actividades do 18 de maio principian ás dez da mañá coa inauguración da rúa efémera María Casares, na que as actrices Lidia Veiga, Mariana Carballal, Sabela Hermida e Isabel Blanco descubrirán unha placa co nome desta referente das artes escénicas. Ás 11.30 h no Baixo de Carlos participarán en «De María Casares a nós», título do primeiro dos clásicos coloquios AISGE, no que se falará da influencia desta grande do teatro europeo nas actrices contemporáneas.

O apartado Cans Participa inclúe a presentación do Proxecto Cans 303, o obradoiro de gravación e montaxe coordinado polo cineasta e vídeo artista Juanma LoDo, que busca en cada edición rescatar unha parte da memoria colectiva da aldea. Centrado nesta XIX nas mulleres que traballaban na venda ambulante, o documental As feirantas de Cans estrearase no Torreiro ás 21.30 dentro da Noite dos Veciños, xunto co videoclip «O estraperlo», dirixido por Fefi Senlle, e as actuacións de Acordecáns e das Pandereiteiras de Cans.