A deputada nacionalista no Parlamento Galego, Alexandra Fernández, acudiu onte a Nigrán para participar na asemblea aberta que a organización local do BNG convocou para difundir a súa postura ante a escalada inflacionista que padecemos.

No Centro da Terceira Idade da Ramallosa, ante militantes e simpatizantes da organización, Alexandra explicou o que supón o incremento disparado dos prezos e como afecta non só as familias senón tamén a sectores produtivos estratéxicos do noso país.

«Fronte a iso desenvolveu a alternativa do BNG que, lonxe dunha postura conformista, pretende incidir nos prezos que máis soben, como son os enerxéticos, e que trasladan os seus incrementos a todos os demais. O control público de sectores estratéxicos para a economía como é o da enerxía xunto cunha rebaixa selectiva da fiscalidade aplicada a determinados bens e servizos básicos como medida paliativa, antóllanse fundamentais para a formación nacionalista», sinalan os nacionalistas.

«No mesmo sentido se enmarca a proposta de elevar as pensións e os salarios máis baixos ata acadar o 60% do soldo medio actual», matizan.

Especial interese espertou en Nigrán as medidas propostas para o mercado da vivenda tendo en conta os elevados prezos, tanto para compra como para alugueiro, que ten na localidade. «Neste punto o BNG defende unha intervención pública que facilite o seu acceso á xente nova e ás rendas máis baixas, habilitando as 2.735 vivendas que a SAREB ten en Galiza e promovendo a construción e rehabilitación de vivenda pública«.