GAITEIROS DE XISTRA

Este luns, 8 de maio, de 12:00 a 13:00 horas, no Auditorio de Goián, terá lugar o espectáculo «Sandra e Meirol en Xistralia», dos Gaiteiros da Xistra.

Trátase dunha actividade de dinamización lingüística organizada polo Concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e ofertada a todos os colexios do municipio.

O Concello proporcionará transporte gratuíto a todos os centros educativos, excepto ao CEIP Pintor Antonio Fernández, por atoparse ao lado. O aforo do auditorio goianés, dunhas 500 prazas, estará completo.

«Sandra e Meirol en Xistralia», dos Gaiteiros da Xistra, é unha historia contada en clave didáctica, coa dirección de Xerardo F. Santomé.

Xistralia é unha “República Musical” situada na Raia, onde soan acordeóns, gaitas, cavaquinhos e violas; golpes de treboadas mesturados cos dos Zés Pereiras, e moitos outros. A peza que se porá en escena o luns é a historia de como unha rapaza, chamada Sandra, e un caracol, chamado Meirol, liberan aos nenos e nenas raptados por Terco, un dragón de dúas cabezas.

Durante o espectáculo, os actores xogarán con instrumentos de música tradicionais, salientando as súas características e propiedades.

A Deputación de Pontevedra pretende consolidar o uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación nos concellos da provincia.

A dinamización lingüística enténdese como o proceso de promoción da lingua galega, que se leva a cabo mediante accións ou actividades (sensibilización lingüística, formación, etc.), polo que a través da convocatoria dunha liña especial de subvencións, preténdese incrementar o uso da lingua galega en toda a sociedade.