Montse Fajardo inaugura as Barferencias de inverno na Guarda

Un ano máis chegan as Barferencias ós bares da Guarda. Este é un formato que acadou gran éxito nas súas edicións anteriores, xa que permite debater e profundizar sobre diversos temas nun ambiente íntimo e distendido.

Nesta nova edición volven primar os temas históricos e arqueolóxicos, que tanto interese espertan sempre entre a poboación, destacando as charlas que achegan os resultados das últimas intervencións arqueolóxicas nas salinas do Seixal e no Monte Santa Trega.

O ciclo de charlas iniciouse o pasado venres cunha charla adicada á igualdade de xénero, impartida por Montse Fajardo, a autora de do libro “Invisibles”, contando coa afluencia dunha treintena de asistentes, unha barferencia cuns duros e necesarios relatos centrados no maltrato á muller.

Refírese no libro, en verbas de María Reimóndez, que se debe insistir en falar do horror para evitar que se repita. O libro aborda, a través de sete casos reais, as distintas caras da violencia machista, desde a máis evidente, a do maltrato físico, ata a violencia psicolóxica, tentando amosar como afecta aos fillos e fillas da parella. O público asistente mostrou gran interese e así se manifestou na rolda de intervencións posterior ao relatorio da escritora.

Montse Fajardo, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pero a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.