A deputada e o deputado provincial, Montse Magallanes e Santos Héctor, visitaron esta mañá en Oia a actuación integral no camiño de Refoxos, asfaltado, saneamento e peches, realizada coas achegas do “Plan Concellos 2017”. En total, a Deputación de Pontevedra destinou 106.901,4 euros a esta actuación, financiada ao cen por cen a través do Plan provincial.

A obra comprendeu a execución dunha actuación integral con reposición e ampliación de servizo de saneamento e asfaltado da estrada no camiño Refoxos, parroquia de Loureza, nunha superficie de máis de dous mil metros cadrados. Máis polo miúdo, ampliouse a sección da rede de saneamento existente, estableceuse unha conexión da rede renovada coa rede municipal, e tamén se ampliou o camiño para facelo accesible a todo tipo de vehículos. Amais, realizáronse obras de asfaltado e muros de peche de mampostería con subministro de pedra. Tamén se executou a demolición dun galpón para a ampliación do camiño e a posterior reconstrución do mesmo con bloque de formigón pintado.

Este ano, a través do Plan Concellos 2019, o goberno de Carmela Silva pon a disposición de Oia un total de 456.119,22 euros, o que supón un 3,27% máis que no exercicio anterior. Amais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 315.402,88 euros, o concello de Oia tamén ten á súa disposición 40.807,74 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, contou con outros 99.908,60 euros da Liña 3 de emprego cos que o goberno municipal de Oia pode financiar a contratación de 8 traballadoras e traballadores para o concello.