O Concello de Mos conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, figura imprescindible da literatura galega e símbolo do Rexurdimento, cunha programación especial na Biblioteca Municipal María Magdalena dirixida a todos os públicos.
Con motivo desta data tan sinalada, do 23 ao 27 de febreiro poderá visitarse na biblioteca unha exposición bibliográfica adicada á autora, que ofrece un percorrido polas súas principais obras e polo legado literario e cultural que deixou en Galicia. A mostra permitirá redescubrir a forza e actualidade dunha voz que soubo reivindicar a identidade, a terra e a lingua galega a través dunha poesía fonda e comprometida.
Ademais, o Concello quixo achegar a figura de Rosalía de Castro aos máis pequenos da casa cunha actividade específica para público infantil. Así, o sábado 28 de febreiro, ás 12:00 horas, celebrarase un obradoiro infantil de teatro e manualidades dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos.
A través de contos, xogos e actividades creativas, os participantes poderán coñecer a Rosalía de Castro dun xeito dinámico e adaptado ás idades máis temperás, fomentando o interese pola lectura e o respecto polo patrimonio literario galego desde a infancia.
As inscricións poden realizarse no teléfono 986 33 80 80, sendo as prazas limitadas.
Con estas iniciativas, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa dinamización da Biblioteca María Magdalena como espazo de encontro, aprendizaxe e celebración da nosa identidade.

