Batuko Tabanka

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actúa a vindeira fin de semana en Tomiño, iniciando así unha nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será na Praza do Seixo este sábado 6 de xullo, ás 22:00 horas, no marco do programa municipal ‘O son da praza’.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións. O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións. En Tomiño, A Guarda, A Laracha, Trives e Narón terán oportunidade de comprobalo este ano.

Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é outro dos obxectivos desta actividade de sensibilización, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Desde 2002, a asociación de administracións locais promoveu nas illas máis de 30 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.