Este vindeiro fin de semana, A Guarda será sede do Campionato Galego de Balonmán Praia, un evento deportivo organizado pola Federación Galega de Balonmán e que chega á Guarda tras pasar polos concellos de Baiona, O Grove e Bueu.

O evento na Guarda, cuarta proba das seis que compoñen este campionato, terá lugar nas pistas deportivas do Codesal en Camposancos, onde os máis de mil deportistas participantes en 80 equipos loitarán para acadar o triunfo neste campionato que continúa nos concellos de Moaña e Vigo.

O balonmán praia é un deporte en auxe e cada vez participa un maior número de deportistas nestas probas, contando con varios éxitos deportivos a nivel internacional.

Competirán na Guarda, máis de 80 equipos nas categorías: alevín mixto, infantil feminino, infantil masculino, cadete feminino, cadete masculino e sénior feminino e masculino.