A oferta estival do Concello de Tui para os meses de xullo e agosto recolle música, historia, cinema e deporte baixo o lema de “Verán na rúa”. Esta programación cultural en Tui pivota sobre tres grandes eventos que se van celebrar na cidade. Son o IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, a Festa do Miño, e o Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. Recolle tamén o ciclo “Cinema de Verán”, a IV Aula Internacional de Saxofón e a Noite Internacional do Miño A programación que comeza este venres, 12 de xullo, e se prolongará até o 1 de setembro foi presentada esta mañá na casa do concello.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que precisamente esta programación cultural reflicte as potencialidades e singulariedades que ten o municipio. Así a Festa do Miño, á que dicía hai que darlle maior transcendencia no futuro, é un exemplo das potencialidades naturais de Tui, Arraianos recolle a riqueza patrimonial, o IKFEM o carácter transfronteirizo da cidade, a Noite Internacional do Miño plasma a boa saúde do movemento asociativo, e a Aula Internacional de Saxofón da visibilidade á potencialidade académica a través do Conservatorio de Música. Afirmaba o rexedor que esta programación vai ser un reclamo máis para visitar Tui este verán.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, explicou o cambio de formato na presentación da programación que por cuestións económicas non se recolle nun novo número da Axenda Corredoira Cultura, xa que indicaba que a partida de Cultura está completamente esgotada e superada. Por este motivo, en formato calendario reflíctese baixo o lema “Verán na rúa” a programación para o mes de xullo e o de agosto, e comezarán a planificar a programación de desenvolver nos últimos meses do ano.

Destacaba amais a concelleira os eixos centrais desta programación co IKFEM, a Festa do Miño e o Festival Arraianos. Avanzaba a intención de dar maior pulo a Aula Internacional de Saxofón, froito do investimento público realizado no conservatorio tudense, tamén agradecía o labor do Kaiak Tudense e das asociacións culturais na Festa do Miño, un evento que considera se debe potenciar. Ao tempo aludiu á consolidación da Noite Internacional do Miño, e da proposta para público familiar co cinema na rúa.

Programación Cultural de Verán.

Xullo

Venres 12 de xullo:

  • Ás 22.30 horas na praza de San Fernando “Cinema de verán”. Proxección de “Como entrenar a tu dragón 3”.

Do domingo 14 ao mércores 17: 

  • “IV Aula Internacional de Saxofón”

Domingo 14:

  • Ás 20.30 horas na igrexa de San Domingos, concerto de Multiplensemble Saxo-Percursión. Rafael Yebra, saxofón, e David Rodríguez, percusión.

Luns 15:

  • Ás 20.30 horas na praza de San Fernando, concerto de Xacobe Martínez Antelo trío. Xosé Miguélez, saxofón; Xacobe Martínez, contrabaixo e Max Gómez, batería.

Martes 16:

  • Ás 21:00 horas na Igrexa de San Domingos, concerto de Kyle Horch e Rafael Yebra

Mércores 17:

  • Ás 20.30 horas, no Palco da Música no Cantón de Diómedes, concerto de Sax Inflexión.

Do luns 15 ao domingo 21:

  • IKFEM, Festival Internacional de Música de Teclado da Eurocidade Tui-Valença

Concertos no Miño

Domingo 14:

  • Ás 21.30 horas, no Espazo Fortaleza en Goián, Tomiño, Mini Mozart. Unha produción da Casa da Música de Porto para público infantil-xuvenil e familias.
  • Ás 23:00 horas española nos xardíns do Aquamuseo de Vila Nova de Cerveira, actuación de Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto “Voar A Seis Mans”.

Luns 15 :

  • Ás 21:00 horas, no Centro Interfederado de Remo e Piragüismo de Tui, na rúa Olímpicos Tudenses, Davide Salvador “Amarelo”. Cancións tradicionais galegas e tamén doutras parte do mundo reinterpretadas dende a óptica contemporánea que caracteriza a Davide.

Martes 16:

  • Ás 21:00 horas no Largo Visconde Guarativa na Fortaleza de Valença. Mineus Dúo. “Cruzando o Miño: cancións de Galicia e Portugal.

IKFEM

Mércores 17:

  • Ás 22:00 horas no Teatro Municipal de Tui, O Fiadeiro. Espectáculo de O Fiadeiro e ESADg que une teatro, música tradicional e baile.

Xoves 18:

  • Ás 20:00 horas, no Seminario Menor de Tui, Son de Acacias & O Son dos Cantares. Co gallo do 60 aniversario do Seminario Menor de Tui  celebrarase un concerto benéfico de corais. Entrada 10€.
  • Ás 22 h na Catedral de Tui, La Ritirata. Concerto de música antiga onde o órgano e a triosonata daranse a man.

Venres 19:

  • Ás 12:00 horas na Catedral, concerto Talentos IKFEM. Alumnos das Master classes de IKFEM en órgano e clave.
  • Ás 17:00 horas na praza da República na Fortaleza de Valença, Paula Ríos. 200º aniversario da compositora, pianista e pioneira Clara Wieck-Schumann.
  • Ás 18:00 horas no Arquivo da Fortaleza de Valença, Mesa Redonda: Unha Ponte Entre a Moda Española e Portuguesa. Concerto Talentos Ikfem. Alumnos das Master classes de IKFEM en piano jazz, acordeón e canto acompañados en combo.
  • Ás 20:15 horas, na vella Ponte Internacional Tui-Valença, Fashion Bridge. Desfile de moda con deseños de Ágatha Ruiz de la Prada, e Katty Xiomara, acompañado de música en directo.
  • Ás 23:00 horas, no Paseo Fluvial de Tui, Espectáculo electro-folk de reinvención da música tradicional portuguesa por Vasco Ribeiro Casal.

Sábado 20:

  • Ás 16:00 horas, no Arquivo da Fortaleza de Valença, Conferencia de Juan Durán. “Sinfonismo galego do século XX e XXI”.
  • Ás 17:00 horas, na praza da República da Fortaleza de Valença. Teclistas da Eurocidade. Alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Academia de Música Fortaleza de Valença.
  • Ás 18:00 horas, no Arquivo da Fortaleza de Valença. Mesa Redonda “Cultura e Internacionalización: Local versus global” sobre as relacións culturais entre España e Portugal.
  • Ás 19:00 horas, na praza da República da Fortaleza de Valença. Talentos IKFEM. Alumnos das master classes de IKFEM en piano, canto lírico e zanfoña.
  • Ás 23:00 horas, na praza da República da Fortaleza de Valença. Pedro Moutinho presenta o seu álbum “Um Fado ao Contrário” xunto a outros temas destacados da súa discografía cunha formación en quinteto, con piano.

Domingo 21:

  • Ás 11:30 horas, no Teatro Municipal de Tui na Área Panorámica. Cinema “O amor e morte.Historia de Enrique Granados”. Documental dirixido por Arantxa Aguirre que recrea a historia apaxionante e tormentosa do compositor Enrique Granados na Barcelona de finais do século XIX e principios do XX.
  • Ás 16:00 horas, no Arquivo da Fortaleza de Valença. Charla Taller “Dalle á manivela” sobre música mecánica e fonografía a cargo de Germán Díaz.
  • Ás 18:30 horas, na igrexa de Santo Estevão na Fortaleza de Valença. Gabriel Alonso e Margarita Viso. Compositores da canción lírica galega como Juan Durán, Chané e Baldomir.
  • Ás 22:00 horas, no Teatro Municipal de Tui na Área Panorámica. Orquestra da Eurocidade Tui-Valença, dirixida por Maurizio Moretti, e con Stephan Moöller e Marta Menezes ao piano. A través da linguaxe universal da música únense dúas culturas, cun concerto de piano e orquestra dedicado a Mozart e Clara Schumann.

Martes 23:

  • Ás 21:30 horas, no parque do Laxal en Rebordáns, “Noite Internacional do Miño”, coa actuación do Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bisau, Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia e Compañía Nacional de Danza Folclórica de México.

Mércores 24:

  • Ás 22:15 horas, na praza de San Fernando “Cinema de verán” coa proxección de “El regreso de Mary Poppins”.

Agosto:

Venres 2:

  • Ás 22:15 horas, na praza de San Fernando, “Cinema de verán”, coa proxección de “Small foot”.

Sábado 10. “IX Festa do Miño”:

  • Ás 12:00 horas, na ribeira de Caldelas coa VIII Romaría Gastronómica
  • Ás 16:00 horas, dende a ribeira de Caldelas, saída do IX Descenso Popular do Miño. Inscrición abertas até o 4 de agosto en Kayak Tudense.
  • Ás 18.30 horas, dende Salvaterra, saída do XLVIII Descenso Internacional do Miño coa participación de clubs de Galicia e Portugal.
  • Ás 19.30 horas, chega do XLVIII Descenso Internacional do Miño á meta situada fronte ás gradas na rúa Olímpicos Tudenses.
  • Ás 20:00 horas, na rúa Compostela VIII, Festa Gastronómica con 24 postos de comida e bebida.
  • Ás 22.30 horas, na rúa Compostela, concerto de Fillos do Estramonio.

Mércores 14:

  • Ás 22.00 horas, na praza de San Fernando, “Cinema de verán”, coa proxección de “Teen Titans Go”.

Do venres 30 de agosto ao domingo 1 de setembro:

  • “Festival da Cultura Arraiana, Arraianos”.

Venres 30

  • Ás 21:30 horas, “Ceas de Taberna” Banquete Medieval.
  • Ás 23:30 horas, “Noite da Donzela” Espectáculo medieval tradicional.

Sabado 31:

  • Ás 19:00 horas, “A Conquista do Miño” Proba en Kaiaks.
  • Ás 20:00 horas, “Mouchos, coruxas, sapos e bruxas”. Xogo infantil/xuvenil.
  • Ás 22:00 horas, “Habelas Hailas”. Xogo de rol.
  • Ás 23:00 horas, “Visita teatralizada da Noite das Coruxas”.
  • Ás 00:00 horas, “Noite das Curuxas”. Espectáculo mitos e lendas galegas.

Setembro:

Domingo 1:

  • Ás 12:00 horas, “Conferencia Arraianos” o mundo Viquingo.
  • Ás 18.00 horas e ás 19.30 horas, “Visita teatralizada” o mundo Viquingo.
  • Ás 21:00 horas, “Noite do Escudeiro”. Espectáculo de torneos e cabalerías.