©Gus Abreu

Música, patrimonio e creación son as tres constantes vitais dun programa comisariado por Samuel Diz, “un festival de autor” en palabras de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. Unha 15ª edición que ten por trama narrativa aos propios instrumentos musicais e o seu legado cultural baixo o leitmotiv #resonancias. O alcalde Enrique Cabaleiro salientou a “importancia que este evento ten para a cidade de Tui” e amosou “o seu compromiso no aumento do apoio cara as vindeiras edicións que abre á sociedade as portas do principal monumento da cidade”.

A oboísta galega Iria Folgado, solista da Konzerthaus Orchester Berlin abrirá o festival acompañada por Cristina Cordero (viola), Montserrat Egea (violoncello) e a tudense Sara Areal (violín). Un cuarteto creado para a ocasión co que interpretarán obras de Mozart, Britten e do compostelán Fernando Buide del Real. Unha proposta que Don José Diéguez Dieppa, deán do Cabido Catedralicio destacou ao “pór en valor, con respecto, o único claustro medieval das catedrais galegas”

O luns 2 de agosto, a cantaora Ángeles Toledano achegará por primeira vez o flamenco ao festival, música declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A semana continúa con outro encontro provocado pola dirección artística do Festival, o binomio Fernando Beltrán e Saúl Púga, onde a poesía conmovida do escritor asturiano resoará entre as cordas do contrabaixo galego nunha misión poética de curación do mundo.

O mércores 4 actuarán Begoña Riobó e Anxo Pintos, dous nomes capitais da música galega que manifestan “o cariño e coidado co que está realizado o festival, tendo unha ilusión especial por presentar o seu traballo que toma ao cancioneiro popular galego coma base da creación de vangarda da música folk”.

Tal e como trasladou o deán, o Cabido da Catedral de Tui ven de acometer unha limpeza profunda do órgano, un dos principais instrumentos do patrimonio cultural galego. Para celebralo, Música no claustro convidou ao músico italiano Davide Bucci a unha residencia artística.

Organista polo Pontificio Istituto di Musica Sacra do Vaticano, Davide Bucci chega a Tui con partituras Cabezón, Zipoli, Bach e Mendelssohn na súa equipaxe. O repertorio final do recital será o resultado do seu encontro co órgano, en paralelo á indagación no legado musical do arquivo catedralicio, partituras históricas sobre as que creará unha improvisación ex professo coa que rematará o concerto do xoves 5 de agosto.

O grupo de música antiga Serendipia Ensemble, conformado por frautas de bico e percusións históricas, e a estrea do novo disco da artista indie Chloé Bird porán o broche final á 15ª edición de Música no claustro.

A entrada aos concertos de Música no claustro é gratuíta grazas ao apoio do Concello de Tui e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, institucións ás que se suma por cuarto ano consecutivo a Sociedad de Artistas AIE e as marcas privadas Gadis, Cabreiroá e D.Pedro De Soutomaior.

Aforamento reducido aos concertos e reserva de entradas

Co obxectivo de garantir as medidas hixiénico-sanitarias fronte á COVID-19, o aforo reducido será de 120 persoas por concerto.

As entradas gratuítas estarán dispoñibles nun formato mixto: 90 baixo reserva previa, con prioridade de acceso, e 30 por orde de chegada ao concerto. A reserva previa será no teléfono 644 035 055, de 10h. a 12h. o día previo a cada concerto.

Catedral nocturna, percorridos artísticos 

Os días 4, 5 e 6 de agosto, ao finalizar os concertos, a Catedral abrirá excepcionalmente as súas portas en horario nocturno, nun percorrido artístico pola iconografía musical dos retablos barrocos realizado pola historiadora da arte e guía oficial de turismo Sara Quintana. Será unha experiencia única para seguir descubrindo a Catedral de Tui, que como lembrou o secretario de cultura, será protagonista do Plan de Catedrais Xacobeo 2027 da Xunta de Galicia.

A entrada aos percorridos artísticos ten un custe de 6€ e un aforamento máximo de 20 persoas por noite, con reserva previa recomendable en contacto@musicanoclaustro.com ou no teléfono 636 969 356.

Foro profesional de Instrumentos musicais

A principal novidade de Música no claustro 2021 será o Foro profesional de Instrumentos musicais, o 4 e 5 de agosto, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Un encontro que, segundo apuntou a súa xerente Elena Fabeiro, “ten por obxectivo principal a profesionalización e divulgación dos oficios artesanais, coa esperanza de que esta convocatoria sexa o gromo de próximos debates e movementos asociativos profesionais”.

O Foro reunirá en Tui a 60 profesionais da construción de instrumentos, do estudo académico, da xestión cultural e museolóxica, así como artistas e outros expertos de ámbitos intersectoriais. Os instrumentos serán tratados dende unha perspectiva interdisciplinar e patrimonial. O artesán francés Régis Floury, afincado en Gondomar, puxo a atención “nas técnicas de construción, restauración, así como na conservación preventiva dos exemplares custodiados nos museos”.

Ao apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia súmase a colaboración e o respaldo de Guitarras José Ramírez, as asociacións Gremio de Luthieres y Arqueros de España (GLAE) e Instrumenta; así como o Museo de Pontevedra, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia e a Subdirección General de Gestión y Coordinación de los Bienes Culturales del Ministerio de Cultura y Deporte.