Homenaxea Graña en setembro 2021

O Concello de Nigrán organiza xunto a Real Academia Galega este venres 18 de marzo, véspera do Día da Poesía, unha homenaxe a Bernardino Graña nun acto que se celebrará no Auditorio Municipal a partir das 17:00 horas e que se retransmitirá a través de Academia (a entrada é libre ata completarse o aforo). 

O célebre escritor galego, que vive desde hai anos na residencia Stella Maris de Panxón, fora homenaxeado polo consistorio en setembro do ano pasado, coincidindo co seu 89 aniversario, mediante a estrea do documental e mostra ‘O home que quixo vivir’ . «Bernardino Graña é un dos máis grandes escritores galegos contemporáneos e temos a sorte de telo como veciño, por iso desde o Concello estamos especialmente orgullosos de exercer de anfitrións deste acto da Real Academia Galega», explica o alcalde, Juan González, quen inaugurará a xornada xunto ao seu presidente, Victor Freixanes.

Posteriormente, a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandra, será a encargada de conducir unha xornada na que o académico Xesús Alonso Montero pronunciará a ‘laudatio’ do homenaxeado e os tamén membros da academia Ramón Lorenzo e Ana Romaní recitarán versos da súa autoría xunto a Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Elvira Ribeiro, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participarán no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), que tiña previsto participar nesta homenaxe «ao seu amigo» que tivo que ser posposto pola pandemia.

A Real Academia Galega destaca que Bernardino Graña pertence á xeración das ‘Festas Minervais’ da Universidade de Santiago de Compostela, nas que foi premiado en distintas ocasións. Foi tamén un dos integrantes do Grupo Brais Pinto nos anos nos que continuou os seus estudos en Madrid xunto a Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro e Reimundo Patiño, entre outros intelectuais e artistas que apostaron pola «renovación da cultura galega en pleno franquismo».

Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) é membro da Real Academia Galega desde o ano 2010. A produción literaria do escritor é magna, abarca desde a poesía até o teatro ou a narrativa, como a novela ‘Protoevanxeo do neto de Herodes’ (2005), gañadora do Premio Eixo Atlántico, ou ‘A fuga a Exipto’ (2016). Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991.

Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor dunha decena de magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.

A RAG destaca as súas obras dirixidas ao público infantil, con máis dunha vintena de volumes desde que obtivo o premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís Ou Facho con ‘Ou león e ou paxaro rebelde'(Galaxia, 1969).