O salón de Plenos do Concello de Nigrán acolle mañá xoves, ás 20:00 horas, a presentación da novela de Fran Fernández Davila ‘A Senda da sal’, froito da colaboración entre a editorial Galaxia e o IEM e que ten a Panxón como un dos seus protagonistas.

Na presentación, o autor estará acompañado de Juan González, alcalde de Nigrán, e a escritora Marta Dacosta, da Xunta de goberno do IEM.

O autor, Fran Fernández Davila

Vigués residente en Panxón, enxeñeiro de Minas, nos últimos anos comezou a dar a coñecer a súa obra literaria. En poesía resultou finalista do Premio Victoriano Taibo nas dúas últimas edicións, coas obras Capetón e Saint-Pierre-et-Michelon. En 2017, comezou acadar os primeiros premios en narrativa, o de Relato Curto “A Cividade” de Mos, con “O premio”; e o de MicroCatrorrelatos, con “As balas de Kock”. Ese mesmo ano, obtén o Premio de novela por entrega de La Voz de Galicia con ‘A senda de sal’.

A Senda da sal

Intriga, segredos, poesía, mar, historia e memoria son os ingredientes cos que o autor compón esta obra que nos vai enredando nas súas redes até atraparnos. ‘A senda de sal’ é unha novela ambientada no sur de Galicia, que une presente e pasado e crea un fresco literario en que Panxón, o Val de Miñor, é protagonista.

Un vello mariñeiro de Panxón, no solpor da súa vida, sente a necesidade de relatar unha serie de acontecementos da súa mocidade que se remontan á Segunda Guerra Mundial, cando Vigo e o Val Miñor xogaron un papel clandestino pero decisivo, e que tiveron un impacto histórico considerable. ‘A senda da sal’ arrinca co encontro entre ese mariñeiro e unha muller en crise, a quen escolle para rescatar da memoria máis distante aqueles feitos en que, sendo neno, tivo unha participación fundamental. Unha trama que afonda nos misterios dun tempo que aínda temos que descubrir. Un tempo en que Galiza e a comarca de Vigo xogaron, moitas veces ao seu pesar, un papel fundamental. Na costa sur de Galicia conflúen os dous bandos que pouco despois deberían de enfrontarse na contenda bélica mundial: aliados e nazis. Un drama en que os galegos tamén se verán implicados.

O autor combina á perfección o emprego ben dosificado dun estilo de claras reminiscencias literarias coa eficacia narrativa, facendo que a intriga medre en intensidade, coma quen recada as pezas dun crebacabezas que van tomando sentido aos poucos, mais que non mostran todo o seu significado até que colocamos a derradeira peza.