Nigrán acolle a exposición 'Carlos Casares e a Fotografía', unha mostra de 30 imaxes tomadas polo escritor
FOTO CARLOS CASARES

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial do ‘Ano Casares’, inaugura este sábado ás 12:00 horas no Auditorio Municipal a exposición ‘Carlos Casares e a fotografía’, organizada a través da Fundación Carlos Casares e co obxectivo de divulgar no municipio a figura deste escritor galego universal e veciño de Nigrán a quen se lle adica o Día das Letras Galegas 2017.

A mostra profundiza a través de 30 imaxes nesta faceta artística relativamente descoñecida do autor, pero tan importante como relevante nalgunhas das súas obras literarias: a fotografía.

A exposición recolle imaxes tiradas polo propio Casares, así como outras nas que el mesmo aparece fotografado. Trátase dun conxunto de obras relacionadas con ámbitos como o familiar, onde existen autorretratos e retratos dos seus fillos Hakan e Christian e a súa muller Kristina Berg; como fotografía de viaxes, unha actividade pola que o autor sentía moito interese e que queda reflexada en imaxes por toda Europa e Norteamérica; ou de ámbito profesional, realizadas para unha obra de referencia como a Guía da provincia de Pontevedra, e nas que a súa temática xira en volta de aspectos culturais e tradicionais da nosa cultura (o entroido, petos de ánimas, cruceiros…).

A mostra inclúe tamén unha parte importante da colección de cámaras fotográficas que posuía o escritor, moitas delas protagonistas tamén nas imaxes de autorretratos .