Ensemble Allettamento

O Concello de Nigrán ofrece dende o luns 15 ao venres 19 de xullo, tres concertos de violoncellistas que asisten no CEE de Panxón ao curso de verán da Asociación de Violoncellistas de Galicia Soncello.

Este curso inclúe a celebración destes concertos, levados a cabo por músicos convidados, profesores e o propio alumnado, e serán de entrada gratuíta para a veciñanza, coas datas e horario seguinte:

Luns 15, Auditorio de Nigrán ás 21:30 horas:

Ensemble Allettamento (Mario Braña, violín barroco/Elsa Pidre cello barroco). O trunfo do diálogo invitanos a un percorrido pola evolución do repertorio para violín e violonchelo dos séculos XVII e XVIII. Ao longo das obras que integran o programa poderase observar como cambia a forma de conversar entre estes dous instrumentos ao longo do tempo.

Xoves 18, Exteriores da Capela da Alameda de Ramallosa ás 22:00 horas:

Poderemos desfrutar da orixinal proposta de Margarida Mariño explorando as posibilidades da combinación do violoncello coa electrónica, seguida polo dúo formado por Iván Nogueira e a propia Margarida que interpretará obras de A. Vivaldi e F. Kummer entre outros.

Venres 19, patio exterior CEE de Panxón ás 22:00 horas:

Alumnado e profesorado do IV Curso Soncello, programa por definir.

Este curso de verán (dirixido a músicos de tódolos niveis) inclúe clases individuais e colectivas coas profesoras Carolina Landriscini, Isabel Font e Isabel Figueroa, clases e ensaios de conxunto, orquestra de violoncellos, obradoiros de técnica (Carolina Landriscini), violoncello barroco (Fernando Santiago) ou improvisación libre (Margarida Mariño), Pilates (Isabel Font) ademáis de outras actividades de tipo lúdico e de lecer.