Oficios entre lusco e fusco

O Concello de Nigrán, froito dun convenio con ABANCA e Afundación, acollerá dende o martes 5 ao 23 de xuño a mostra fotográfica “Oficios entre lusco e fusco”, no Auditorio Municipal.

A inauguración, aberta a participación da veciñanza, terá lugar ás 12:00 horas e contará coa presenza do autor, Xosé Abad, que realizará unha visita guiada para os asistentes.

O traballo fotográfico de Xosé Abad é unha reflexión sobre a desaparición de múltiples oficios, como o de fareiro ou o de pastor, por mor da mecanización do traballo e a produción en masa. De entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 5 ao 23 de xuño no Auditorio Municipal de Nigrán en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.

A Mostra

“Oficios entre lusco e fusco” conta a través da fotografía a historia de cada protagonista. Emprega a luz, a mirada, a roupa, o traballo e todos os elementos que reflicten o modo de vida nun momento de cambios e novidades tecnolóxicas diarias, de consumo rápido e fabricación urxente.

O traballo de Xosé Abad permite contemplar moitas profesións que, dentro de poucos anos, só permanecerán nos libros de historia. En definitiva, esta serie eríxese como un «derradeiro raio de luz antes de que o saber, a súa influencia e xeito de entender o mundo desapareza».

O autor emprega un esquema de iluminación acorde con ese intre do día que, ademais, nomea a propia mostra. Cuns claroscuros que recordan a obra de Caravaggio, Xosé Abad suxire espazos e ferramentas, define o lugar de traballo, documenta a presenza de universos onde se funden o privado e o laboral. “Oficios entre lusco e fusco” é testemuño gráfico dos derradeiros tempos da coexistencia de dous xeitos de produción moi diferenciados. É, pois, a documentación da desaparición gradual do «traballo ben feito, a personalización do trato e a orixinalidade de cada peza».