O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), volverá a participar este mes de novembro na campaña ‘En negro contra as violencias machistas’, xunto a un cento de municipios de toda Galicia e tres diputacións.

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu hoxe ao acto de adhesión á iniciativa celebrado ao mediodía no Concello de Santiago, promotor desta campaña dende o ano 2015.

Baixo o lema “Nigrán en Negro” o Concello propón novamente “vestir” de loito entre o 19 e 25 de novembro os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela.

O ano pasado Nigrán estrenouse nesta campaña con gran éxito grazas á participación de máis de cen establecementos e entidades. Todos aqueles que desexen sumarse novamente este ano tan só teñen que enviar un mail ao cim@nigran.org ou chamar o telefono do CIM (Centro de Información as Mulleres) 986383081 e facilitar os datos do establecemento ou entidade social (nome, enderezo, teléfono e mail) e os datos dunha persoa de contacto.

O Concello programa a maiores diversos actos socioculturais durante esa semana do 19 ao 25 de novembro. O venres 23 será a lectura do manifesto, ás 11:30 horas na Praza do Concello. O sábado 24 celebrarase unha ‘Andaina en Negro’ polo futuro parque forestal Os Matos-Ríos Táboas e , finalmente, o domingo terá lugar unha sesión vermú no Auditorio Municipal coa actuación de ‘Blues do País’.