O pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade a moción que o grupo municipal de Nigrán Decide presentou para a elaboración dun plan de aforro na factura de electricidade.

A moción que foi elaborada despois de analizar a auditoría das instalacións de alumeado público do Concello de Nigrán, consiste en realizar o cambio con carácter inmediato da potencia e tarifas contratada e a licitación do subministro eléctrico de todas as instalacións do Concello. Con estas dúas medidas de carácter administrativo, polo que apenas van supoñer un gasto podería aforrarse entre un 10 e un 20 por cento na factura eléctrica do Concello. Cómpre lembrar que o Concello de Nigrán gasta anualmente uns 700.000 euros de factura eléctrica, o que significa aproximadamente un 10 % do gasto corrente anual do concello, polo que poderiamos estar falando dun aforro de 100 mil euros anuais.

As outras medidas que se piden na moción son a realización dunha valoración do risco para a seguridade das persoas, das instalacións de alumeado público de Nigrán para determinar se algunha delas pode representar un risco importante ou intolerable para a saúde das persoas, e a elaboración dun plan de investimentos a curto, medio ou longo prazo, para adaptar todas as instalacións de alumeado público de Nigrán á normativa vixente de seguridade, e o cambio das luminarias por tecnoloxía LED, cunha priorización na que se teña en conta a valoración de riscos mencionada anteriormente e o aforro previsto na auditoría, para o cal como mínimo empregaranse unha partida de 100.000 euros, que se incrementaría anualmente coa cantidade de diñeiro correspondente ao aforro na factura eléctrica do Concello como consecuencia da realización das medidas propostas neste acordo.

Esta moción é consecuencia do traballo serio e con rigor que está a realizar o grupo municipal de Nigrán aproba por unanimidade o plan de aforro na factura eléctrica, que neste caso consistiu na análise dos centos de folios dos que consta a auditoría, indica José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.