O Concello de Nigrán conclúe mañá, Día das Letras Galegas, no auditorio municipal ás 20:00 horas, a programación especial do mes por esta festividade cun concerto da Coral Novos Aires e o Coro Tradicional Cantares do Brion como invitado.
A actuación, co apoio da Deputación de Pontevedra, servirá de homenaxe ao escritor Bernardino Graña, quen reside no municipio e que acudirá a este concerto no que, precisamente, Cantares do Brion interpretará o seu poema ‘Volvín a terra pro perdín o amor’.
Ponse así o punto final a unha programación especial polas Letras Galegas que arrancou con ‘A Banda da Loba’, o coro Gli Appassionati en Chandebrito, o monólogo de Carlos Blanco e unha actividade infantil sobre Fraguas.
A Coral Polifónica Novos Aires, dirixida por Xosé Alfredo Oliveira, interpretará os poemas de X.A.Blazquez ‘Peixiño de cristal’, ‘O Merlo poeta’ e Arco da Vella’; ‘Terra’, de Campio Pereira; ‘De babor a estribor’, de Modesto Fraga; ‘O Pandeiro ten a culpa’, de Feixóo; e ‘A Fala’, de Manuel María.
O Coro Tradicional Cantares do Brion, dirixido por Pablo Rial Salgueiro, interpretará ‘Non vou’, de Esther Lage; ‘Pasodobre de Sísamo’ popular; ‘Quen foi lume’, de Marica Campo; ‘Volvín a terra pro perdín o amor’, de Bernardino Graña; ‘Voan os meus pensamentos’, de Ramón Cabanillas; ‘Has de cantar’, de Rosalía de Castro; e ‘Poemas ao outono’, de Manuel María.