ALFREDO

A Deputación de Pontevedra ven de comunicar ao Concello de Nigrán a concesión da subvención para a contratación de catro persoas en prácticas ao abeiro das bases do programa de fomento da empregabilidade na provincia ‘O teu primeiro emprego’.

En concreto, e grazas a esta axuda, o Concello de Nigrán solicitará de xeito inmediato á Oficina do Servizo Público de Emprego de Baiona un listado con catro perfís diferentes de candidatos: unha persoa con grado en dereito para o departamento de Contratación; outra diplomada, licenciada ou con grao en Biblioteconomía e Documentación para a Biblioteca Municipal e Arquivo; unha persoa co Ciclo Superior en Proxectos de Obra Civil ou Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas; e finalmente, unha persoa co Ciclo Superior de administración e finanzas para o departamento de Servizos Xerais. Estas bolsas están dirixidas a mozos da provincia, titulados universitarios e de formación profesional, sen experiencia previa no eido da súa formación.

Estes catro bolseiros desenvolverán o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións serán as estipuladas nas bases da convocatoria.

Entre os requisitos obrigatorios figuran estar inscritos como demandante de emprego ou en mellora de emprego, non ter experiencia laboral previa no eido en cuestión e posuír a titulación esixida para o posto. Será o Servizo Público de emprego quen realice unha primeira selección dos candidatos requiridos dende o Concello de Nigrán.