A pesar das declaracións recentes do Alcalde de Nigrán a un medio de prensa, sinalando que o Concello de Nigrán non perdería subvencións por non remitir a Conta xeral de 2017, a realidade é que se van perder as subvencións que concede a Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras do Risga, pois na solicitude que cómpre facer antes do 10 de febreiro de 2019 é necesario declarar que se cumpriu co deber de remitir as contas do ano 2017 ao Consello de Contas. Así o indica Nigrán Decide nun comunicado de prensa remitido os medios.

O procedemento de aprobación da Conta xeral do concello leva consigo que sexa informada pola Comisión de contas, aínda non convocada polo alcalde, e que se abra un período de exposición ao público para que durante 23 días hábiles, un mes aproximadamente, as persoas interesadas poidan formular alegacións, para posteriormente ser aprobada polo pleno. Na práctica, todo este proceso pode durar seis semanas, aproximadamente.

Na realidade, este longo proceso fai imposible que antes do 10 de febreiro se poidan remitir as contas ao Consello de Contas, estimando desde Nigrán Decide que a aprobación polo pleno, que o alcalde asegura que a Conta xeral do concello estará lista, nos próximos días, no mellor dos casos, producirase a finais do mes de marzo. Iso implicaría que, previsiblemente, vanse perder todas as subvencións que sexan convocadas pola Xunta antes do 15 de febreiro”, afirma a formación política.

No ano 2018, dicen, “con estas subvencións, que cubrían o 100% do custe, o Concello de Nigrán contratou a 5 persoas para realizar labores de conserxes durante 7 meses, como consta na solicitude realizada nese ano, polo que, en caso de que estas persoas sexan novamente contratadas, o concello de Nigrán pasará de non facer ningunha achega para estas contratacións, a ter que achegar con fondos propios a totalidade do custe“.

Para Nigrán Decide esta perda de subvencións non está xustificada, “como afirma o alcalde, polo volume de traballo do departamento de intervención”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar afirmando que “é o goberno quen lle ten que marcar as prioridades de traballo aos diferentes departamentos, parecendo claro que entre as prioridades deste goberno non está cumprir os requisitos para recibir subvencións da Xunta de Galicia, entre as que están as convocadas para a contratación de persoas en risco de exclusión social”.