ALFREDO

Nigrán Decide presentará unha moción para o seu debate no pleno deste mes para que a documentación do PXOM, que segundo o Alcalde foi enviado á Dirección Xeral de Patrimonio, sexa publicada na Web municipal, así como para que realice a convocatoria formal do Consello Sectorial do PXOM. Na moción tamén se pide que tódolos cambios que se introduzan no PXOM sexan consensuados pola corporación.

Non se pode falar de transparencia e consenso, como fai o alcalde, cando non se facilita a documentación aos grupos municipais tal como obriga a lei, e cando se  introducen cambios no PXOM sen falalos anteriormente con ninguén, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que con estas medidas, ademais de facer a tramitación do PXOM transparente, o que pretendemos é que tódolos cambios que se introduzan no PXOM aprobado inicialmente sexan consensuados e debatidos previamente. Pode parecer que estas propostas son atrancos, pero desta forma evitaríamos ter que volver atrás na tramitación, se a corporación municipal non está de acordo cos cambios que está introducindo unilateralmente o goberno municipal, finaliza Cuevas.

A petición de Nigrán Decide basease no cumprimento da Lei do Solo que establece que no seu artigo 87, sobre a publicidade, que “Os concellos garantirán,  mediante procedementos telemáticos, o acceso e o coñecemento do contido dos instrumentos de planeamento Urbanístico, Tanto Se Se Encontran Aprobados Como Durante A Súa Tramitación.” NIGRÁN DECIDE entende co envío á Dirección Xeral do Patrimonio do documento do PXOM estamos ante un novo trámite.

Ao grupo municipal lle parece positivo que o goberno municipal informe sobre o PXOM polas parroquia, tal como está anunciando, pero esta información tamén se debe estender aos grupos municipais facilitándolle toda a documentación e mediante a publicación do documento na web municipal. Con esta medida pretendemos que toda a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán coñezan, sen intermediarios, toda a documentación do PXOM no seu actual estado de tramitación, finaliza Cuevas.