O Concello de Nigrán e a Fundación Menela celebran este venres a derradeira etapa do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño para todos’ no que usuarios da Fundación Menela concluirán a ruta xacobea pola costa cun acto no Auditorio Municipal.

O Concello fai un chamamento á participación dos centros educativos e de toda a veciñanza en xeral para que se una a esta xornada que arranca ás 10:40 horas dende a Alameda de A Ramallosa para chegar sobre as 12:00 horas ao Auditorio Municipal, onde terá lugar un acto no que resumirán as conclusión extraídas deste ‘Camiño da inclusión’ que arrancou o 17 de setembro na Guardia e no que tocará a orquestra Castro Navás. Nesta etapa realizarase a variante polo litoral ao ser menos dura físicamente e máis accesible.

«Queremos que participe o maior número de xente posible e de entidades para amosar que Nigrán é un municipio comprometido coa plena inclusión, queremos camiñar todos xuntos», indica o alcalde, Juan González.

Esta iniciativa na que participa o Concello de Nigrán permite que 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e discapacidade intelectual asociada do Centro Castro Navás (en Priegue) percorran a ruta oficial pola costa xunto ao seu persoal especializado e diferentes entidades locais en cada etapa co obxectivo de facer o camiño accesible grazas a súa propia experiencia. O proxecto conta tamén coa axuda do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia.

Os participantes fan noite en albergues o día anterior a cada etapa. Na primeira xornada o 17 de setembro percorreron os 10,3 km que separan A Guarda de Portocelo, ao día seguinte camiñaron ata Oia e o resto de tramos dividiuse entre os días 24 e 25 de setembro (Santa María de Oia-Mougás), 1 e 2 de outubro (Baiona-A Ramallosa); e finalmente, o venres chegarán á Casa do Concello de Nigrán dende A Ramallosa. O obxectivo é que, grazas a esta experiencia, usuarios e técnicos da Fundación Menela propoñan unha sinaléctica con pictogramas e información que faga todo o Camiño pola Costa accesible dende o punto de vista cognitivo. Paralelamente, estas sete etapas son unha oportunidade para visibilizar a realidade deste colectivo e informar á sociedade sobre os recursos e servizos dos que dispón a Fundación Menela para a atención as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias, desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.

“Dende o Concello de Nigrán quixemos participar no programa ‘O Teu Xacobeo’ con unha iniciativa de carácter social acorde ao noso programa municipal ‘Un Nigrán para todos’, por iso acollemos con entusiasmo o proxecto da Fundación Menela e nos sumamos a el inmediatamente, nada mellor que unir a posibilidade de que estas persoas poidan gozar do Camiño con que, ao mesmo tempo, nos indiquen como facelo realmente accesible dende o punto de vista cognitivo. Queremos que o camiño pola costa sexa, de verdade, un camiño para todos”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Baixo estas premisas, en cada etapa do percorrido fóronse sumando diferentes entidades ou centros educativos, para que funcionase tamén como unha xornada de convivencia e, ao fin de cada unha, instalouse un punto de información sobre o Autismo e a Accesibilidade. O grupo realizou tamén visitas de interese histórico e cultural en cada núcleo do Camiño, e rematou sempre o día sempre cunha reflexión grupal no que xunto aos monitores comentaron como se sentiron ao longo da marcha, que foi o que mais lles gustou, que lles dirían os demais en relación o que viron, que cousas non lles pareceron ben, etc. etc.

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ conta cun orzamento de 20.413 € dos que o Concello de Nigrán aporta o 20%.