O equipo redactor do PXOM de Nigrán mantivo un encontro co Goberno local e os diferentes portavoces da corporación co obxectivo de informarlles do estado actual do documento, tal e como lle solicitara o propio alcalde, Juan González.

A empresa, liderada por Alfonso Botana, retomou os traballos no Plan despois de que no pleno extraordinario de maio se aprobase a cesión do contrato de Eptisa, asunto que se verá refrendado oficialmente nos vindeiros días e que permitirá que paralelamente se envíe a Patrimonio o documento de aprobación inicial co catálogo de bens totalmente actualizado (o informe desfavorable da Dirección Xeral indicaba a necesidade de revisar tódolos bens documentados).

Deste xeito, o estudo de prospección arqueolóxica levado a cabo por ‘Desenrolo e Obras de Arqueoloxía S.C.’ e o da propia empresa redactora elevan de 235 a 597 os elementos catalogados (pezas de interese arqueolóxico ou arquitectónico e etnográfico), destacando a protección do Camiño Portugués pola costa ou os hórreos, antes prácticamente sen incluír no documento.

Segundo explicou o propio Alfonso Botana aos portavoces, o novo documento será enviado na vindeira semana a Patrimonio, onde dispoñen dun prazo máximo de 3 meses para informar (pasado este tempo sen obter contestación se entende que a resolución é favorable).

Eses meses de impass serán os que aproveitemos para informar polo miúdo aos veciños do documento e introducir melloras“, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que as contestacións provisionais ás alegacións están a disposición dos veciños dende o mes de abril no departamento de Urbanismo.

Unha vez obtida a resposta de Patrimonio o documento será enviado a Medio Ambiente, Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Portos do Estado. “A previsión é ter tódolos informes favorables en decembro e que xa no primeiro semestre de 2019 se poida presentar o documento á Aprobación Provisional do Pleno“, resume Botana.