O Concello de Nigrán remitiu esta mañá un novo escrito e un orzamento á Consellería de Educación no que insta a que de xeito urxente sustitúa as oxidadas tubaxes do CEIP Mallón, unha intervención que segundo o recente informe realizado por unha empresa especializada a instancias do Concello supón unha contía de 18.726 €.   Este escrito súmase ao enviado a semana pasada coas análises da concesionaria Aqualia nas que se detectaron niveis de ferro elevado na auga pese a ser apta para o consumo.

«As tubaxes datan do ano de construción do centro en 1987 e a simple vista están completamente deterioradas, así que ao non ser unha cuestión de mantemento a Xunta ten a obriga de realizar esta renovación que, ademais, é dunha contía ridícula para o seu orzamento«, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que o Concello ofrece á dirección do centro escolar a posibilidade de realizar de xeito inmediato dende o Concello tres novas acometidas provisionais dende a liña xeral mentras a Xunta non realice as obras e, en todo caso, dende o consistorio se seguirá a enviar bidóns de auga embotellada.

A instalación presenta a simple vista un gran deterioro que, ao inicio de cada curso escolar e tras meses sen uso, faise visible na propia auga durante os primeiros días. Así, os diferentes parámetros analizados son correctos e no caso do ferro presenta 223 mg/litro, amosando neste aspecto unha pequena incidencia ao superar os 200 mg/litro (a partir dos 500 mg/litro consideraríase non apta para o consumo, tal e como recolle o Real Decreto 140/2003 que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano).   Por todo elo, e co obxectivo de outorgarlle a máxima celeridade, o Concello trasladou hoxe este novo informe no que se valora a intervención e a súa contía económica.

«Hai anos que vimos reclamando á Xunta a substitución das tubaxes do CEIP Mallón que, loxicamente, tras 32 anos de uso, están totalmente oxidadas«, incide o alcalde. «Os Concellos temos a obriga de realizar o mantemento dos centros educativos, pero é obvio que estas cuestións responden a que os materiais empregados na construción dos colexios xa rebasaron a súa vida útil. A analítica da auga advirte de que o cambio é necesario e urxente e o investimento preciso para elo é ridículo», conclúe.