O Concello de Nigrán ven de renovar por completo a condución do abastecemento de auga na contorna do Camiño do Seixo (Panxón) como paso previo ao asfaltado desta e outras catro vías da parroquia cun investimento total de 54.050 €, ao cargo do Plan Concellos 2019.

Así, o Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia remataron a pasada semana as obras de substitución das canalizacións na contorna de Lagoa-Seixo beneficiando así a 25 vivendas que, dende hai anos, sufrían o prexuízo de ter contínuas roturas nas tubaxes por un defecto das mesmas. Este camiño e o de Lousas, Pastora, Redonda e Arribas Brancas serán pavimentados ao longo do mes de setembro.

Así, en tódolos casos se realizará unha limpeza do pavimento da calzada e das cunetas antes de melloralo cunha mestura bituminosa en quente estendida e compactada, ademais de facer en cada caso o recrecido das tapas da rede de sumidoiros.