O Concello de Nigrán ofrece este venres 10 de maio, a partir das 20:00 horas, o concerto do ‘Os alegres do Val Miñor’ no exterior do muíño de Porto do Molle, unha actividade encadrada na celebración das Letras Galegas durante todo o mes.
Trátase dun grupo formado por dúas gaitas, catro acordeóns, dous saxos, e percusión. Os seus integrantes son veciños de distintas parroquias do Val Miñor.
Previamente, este xoves pola mañá, terá lugar a primeira celebración oficial da festa dos ‘Maios’ na mesma contorna con todos os centros escolares, e co engadido da obra teatral de Trémola ‘A nena e o violino’, sobre a vida e obra de Luísa Villalta.
E o sábado 11 ás 20:00 horas terá lugar unha foliada cos gaiteiros e pandereteiras do Sobreiro e a actuación ‘De flor en flor’, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña.