O Concello de Nigrán estivo presente esta fin de semana no Carballiño no ‘III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente’. A edil de Educación, Estela Pérez, acudirá con 4 dos 14 representantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil de Nigrán, en concreto, con Carmen Vázquez Molares e Marcos Soto García (CEIP Humberto Juanes) e Martín Rey Álvarez e Cayetana Guede Bernárdez (IES Val Miñor) para participar en dúas xornadas de convivencia previas á celebración do ‘Día Mundial da Infancia’.
Durante estes dous días na Residencia de Ocio e Tempo Libre desta localidade ourensana elaboraron xunto a outros 50 nenos e nenas de toda Galicia o manifesto que lerán no Parlamento galego o día 28 de Novembro, encadrado na celebración do Día Mundial da Infancia do vindeiro luns 20. Ademais, participaron en actividades lúdicas e educativas entre as que destaca o obradoiro do ilustrador Leandro Lamas no que realizaron un cadro colaborativo no que plasma os dereitos máis importantes da infancia.
«Desde o Concello de Nigrán continuamos a dar pasos de cara a obter o selo ‘Cidade Amiga da Infancia’ e mantemos totalmente activo o Consello de Participación Infantil e Xuvenil’, destaca a concelleira Estela Pérez en referencia a este órgano municipal creado no ano 2021 precisamente para situar na axenda local os verdadeiros intereses e necesidades de cativos e adolescentes, xa que a través del poden participar na vida política de Nigrán realizando propostas, seguindo as mesmas, pedindo información, etc
UNICEF- Selo CAI
O programa CAI foi creado por Unicef Comité Español en 2001 co propósito de promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) en pobos e cidades da xeografía nacional, forma parte á súa vez da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por Unicef Internacional desde o ano 2000 e no que colaboran gobernos nacionais, administracións locais, ONG… En Galicia hai 10 municipios que xa o teñen (en Pontevedra son Redondela, Porriño e Tomiño).