Matria Mamasunción

O Concello de Nigrán pecha este venres, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, a programación especial do “Mes da Muller” coa proxección de ‘Matria’ e ‘Mamasunción’, dúas das curtametraxes máis señeiras e premiadas do audiovisual Galego.

Será tamén unha das últimas oportunidades de asistir á exposición ‘Unha Mirada de Antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson’ no Auditorio, xa que conclúe o sábado (horario de 17:00 a 20:00 horas).

Matria‘, do vigués Álvaro Gago,  conta a historia de Ramona, unha muller que vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e  traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana; ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria,  Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une á súa filla e á súa neta. Esta curta, ademais de estar nominada aos Goya 2018, recibiu ducias de galardóns, entre eles o Gran Premio do Xurado en Sundance ou a mellor curta da Seminci de Valladolid.

Mamasunción‘, do falecido cineasta Chano Piñeiro (autor de ‘Sempre Xonxa’ e precursor do cine galego en galego), foi rodada en 1984 en 35 mm.  Narra a historia dunha anciá dunha remota aldea, Mamasunción, que todos os días se achega á afastada oficina de correos esperando recibir noticias do seu fillo emigrado. A inspiración para esta curta procede dun recordo infantil de Chano do seu Forcarei natal. Considérase a curta precursora do audiovisual galego.