O goberno de Nigrán celebra que as obras de mellora da seguridade viaria na PO-552 arranquen próximamente, tal e como informou a Axencia Galega de Infraestruturas, pero sen embargo, reclama á Xunta que conteste con celeridade as alegacións feitas co consenso unánime da corporación en febreiro de 2018.

“Anunciaron que comezarán as obras a mediados de ano pero descoñecemos por completo se tiveron en conta as alegacións consensuadas entre toda a Corporación“, sinala o alcalde, Juan González. De feito, estas foran acordadas por unanimidade en xunta de portavoces, dándose conta das mesmas no pleno do 22 de febreiro de 2018 e trasladándose á Axencia Galega de Infraestruturas o 7 de marzo co perceptivo informe técnico municipal. “O Concello debería ter a estas alturas unha resposta e o proxecto actualizado”, considera.

Entre elas cabe destacar a petición de que se suprima a gran rotonda proxectada en Mestra Emérita (Priegue), “xa que non é unha zona con especial risco de accidentes e o investimento e afección de terreo que conleva son totalmente desproporcionados con respecto aos supostos beneficios, máxime cando se contempla un muro de contención sobre o curso do Río Vello e o seu corredoiro ecolóxico. Estamos a falar de máis de 300.000 € para construir unha gran rotonda totalmente innecesaria e con impacto medioambiental moi negativo, polo que dende o Concello pedimos que eses cartos se invistan en medidas adicionais de seguridade en tramos perigosos da PO-552 onde non había nada previsto“, explica o rexedor.

Entre estas medidas a maiores que reclama o Concello e que non contempla o proxecto se atopa a mellora da accesibilidade peonil na contorna de Ureca (rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella) xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada dado que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas. “É imprescindible a construción de itinerarios seguros e accesibles en toda esta zona“, recalca o alcalde, quen incide en que se sinalou tamén a petición á Xunta de que constrúa beirarrúas dende a rúa Rans ao cruce con Telleira, único tramo que carece delas.

Adicionalmente, o Concello de Nigrán reclama tamén que se mellore a seguridade na curva da PO-552 á altura do Camiño das Angustias e Camiño da Cal, un punto de alta concentración de accidentes por mor da alta velocidade coa que acceden os vehículos pese a tratarse dunha pendente descendente cun trazado complicado.

Outra das cuestións que non contempla o proxecto e que dende o Concello se reclama é a mellora da seguridade no cruce entre Manuel Alonso, Camiño Vello e Vilameán. Esta confluencia de rúas está insuficientemente regulada mediante semáforos e precisa dunha reordenación que facilite aos conductores a circulación. O mesmo problema presenta en Priegue o acceso dende a PO-552 á Rúa Rouxo (barrio de Chans ou Campo Municipal de Condomínguez).

Por outra banda, o Concello presentará alegacións para que se manteña o dobre sentido de circulación nas rúas Cruceiro e Camiño Pedreiros, en Mallón, onde pide tamén que se continúen as beirarrúas. Ademais, incide na importancia de que se permita o acceso ao Camiño das Barreiras, unha rúa que dá entrada a numerosas casas e diversas empresas. Outra das principais cuestións que o Concello alegará será que non se supriman as 50 prazas de aparcamento actuais na rúa Argonautas (ao carón da piscina mancomunada) por mor de construír un illote verde no medio da rúa.