O Concello de Nigrán, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, promove o uso do galego no comercio repartindo entre os comerciantes uns adhesivos e tarxetas para empregar nos paquetes desexando felices festas en galego.

O material foi entregado a inicios de semana a través da asociación de empresarios OVALMI, no centro comercial Ramallosa e en man polos comercios máis céntricos. Ademais, os particulares que o desexen poden obtelas no Concello (así como establecementos aos que non lle chegara). Con este xesto sinxelo, o galego chegará aos negocios locais e, a través deles, ás casas dos veciños con Papá Noel ou Reis.

Temos un compromiso total co uso do galego nas nosas comunicacións no Concello e tamén coa promoción do seu uso nos diferentes eidos, coma neste caso o comercio”, explica ao respecto o alcalde de Nigrán, Juan González.

O Concello de Nigrán, a través dunha subvención de 7.440 euros da Deputación de Pontevedra, conta por vez primeira na súa historia cun departamento de Normalización Lingüística para facer do galego un vehículo de comunicación común no consistorio.

Así, a súa incorporación permite traducir e normalizar tódalas instancias, formularios e documentación que se xera dende o consistorio co fin de asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. “Como entidade pública temos un compromiso total coa promoción e uso correcto e xeral do galego nas nosas comunicacións para reforzar a nosa lingua, por iso é moi imporante para nós este servizo que nos comprometeramos a crear“, destaca González.

Deste xeito, o Concello creou un posto laboral temporal de técnico de normalización lingüística que desenvolve tarefas de asesoramento en todo o relacionado coa política lingüística, mellorando a calidade comunicativa, planificando, xestionando, executando e avaliando accións a prol da lingua galega e facendo un seguimento do cumprimento da lexislación vixente nesta materia, para velar así polos dereitos lingüísticos da cidadanía.