ALFREDO

O Concello de Nigrán ven de publicar na súa sede electrónica as novas bases do III Plan de Becas Municipais tras ser modificadas co voto favorable de toda a corporación no derradeiro pleno extraordinario do 16 de maio.

O prazo de presentación de candidaturas abrirase en canto se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Tódalas bolsas son para empadroados no Concello e están destinadas á formación de auxiliares administrativos nos diferentes departamentos municipais.

O obxectivo deste cambio foi abrir o abano a posibles persoas interesadas que actualmente non cumpren os requisitos (para este III Plan tan só se presentaron 3 candidatos á oferta de 7 prazas, e finalmente só se cubriu unha).

Así, o cambio nos requerimentos mínimos permite que se presenten aquelas persoas que remataron os estudos no 2012 ou con posterioridade, rebaixase a 60 o número mínimo de días en desemprego nos derradeiros 24 meses, permítese ata 186 días de experiencia laboral dende 2012 na categoría da titulación requirida para estas becas (ata agora non se permitía nada de experiencia) e, finalmente, engádense como válidas as titulacións universitarias da rama de xestión.

Como nas derradeiras edicións, poderían optar ás becas titulados do municipio que se atopen en situación de desemprego, sendo a duración de 6 meses prorrogables a outros 6 e as condicións económicas de 800 € brutos ao mes en xornada completa. Os titores serán os funcionarios responsables de cada ámbito.

O Departamento de Desenvolvemento Local (986365000-Extensión 7 ou tle.nigran@nigran.org) ofrece maior información ao respecto a todo aquel interesado en presentar a súa candidatura.