Concello de Nigrán
RUBENS // Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán, a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a dinamización lingüística, reactivará o Servizo de Normalización Lingüística creado por vez primeira na súa historia no 2016 para facer do galego un vehículo de comunicación común no consistorio.

Así, a súa incorporación permitirá asesorar á administración en todo o relativo á política lingüística, fixar criterios, resolver dúbidas, propoñer programas dinamizadores, difundir materiais.

Así, ao abeiro desta subvención o Concello creará un posto de técnico superior que desenvolverá tarefas de asesorarmento en todo o relacionado coa política lingüística, mellorando a nosa calidade comunicativa, planificando, xestionando, executando e avaliando accións a prol da lingüa galega e facendo un seguimento do cumprimento da lexislación vixente nesta materia, para velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía.

O prazo de presentación de solicitudes a través do Rexistro Municipal comeza este luns 27 de agosto e finaliza o 4 de setembro. A duración do contrato é de 12 meses cunha xornada de 18,5 horas semanais e un salario acorde ao Convenio Colectivo de Oficinas e Despachos.

As titulacións válidas son licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (sección galego-portugués), grao en Estudos de Galego e Español ou en Lingua e Literatura Galega.

Tódalas bases e información estarán a disposición dos interesados no Departamento de Desenvolvemento Local, na páxina web ou no Departamento de Información. O proceso selectivo constará dunha proba práctica escrita, unha proba oral e unha baremación do CV.