O Concello de Nigrán rematou a sinalización do Camiño Portugués pola Costa na súa variante non oficial polo litoral do municipio, un trazado que elixen moitos peregrinos polo atractivo diferente que presenta pero que está deficientemente indicado.

Así o recolle o propio proxecto elaborado dende o obradoiro de emprego Valmiemprega II, que no seu estudo pormenorizado empregado polo Concello de Nigrán a este efecto destaca a necesidade de mellorar a sinalización para evitar as actuais confusións. De feito, tamén se indica con maior claridade a pequena alternativa ao oficial no Porto do Molle, onde o Concello opta porque os peregrinos camiñen pola senda do río Muíños en lugar de utilizar a PO-552.

A variante litorial, que conecta finalmente co trazado oficial que une os municipios de Nigrán e Vigo, arranca dende a propia marisma ao pé da ponte románica de A Ramallosa. Nesta intersección de saída da ponte nova da Ramallosa co Paseo Torrente Ballester colocouse un panel informativo facendo constar a entrada ao Concello e diferenciando a continuidade do Camiño Oficial cara o Pazo de Pías e o inicio da opción do camiño pola costa cara a Praia América, eliminando actuais sinalizacións precarias en farolas que dan lugar a confusións.

Os camiñantes que elixen esta opción o farán polo paseo marítimo de A Foz ou Esteiro do Miñor, pertencente á Rede Natura 2000 e que se estende ata a península de Monte Lourido. Trátase dun ecosistema de alto valor ecolóxico pola súa biodiversidade de flora e fauna, e de gran valor ornitolóxico por ser refuxio de aves migratorias. Ao seu final, xa no cruce de camiños cara a Praia América, refouzouse a sinalización e borrouse a actual marca no reverso dunha sinal de circulación.

O peregrino é guiado para camiñar polo paseo marítimo de Praia América e Panxón e, ao longo do mesmo, elimináronse as pegatinas en farolas e papeleiras pola nova sinalización co obxectivo de evitar confusións. Esta vólvese a reforzar no fin do Paseo de Panxón para que o camiñante se dirixa sen dúbidas cara a praia da Madorra e posteriormente pola rúa Tomás Mirambell cara a praia de Patos, praia das Canas a continuación polo paseo da Areosa e, finalmente, rúa Caranquexo cara o Camiño Oficial pola Costa xa no termo de Saiáns (Vigo).