ALFREDO // Plaza de abastos de A Ramallosa

O Concello de Nigrán súmase por terceira vez consecutiva á campaña ‘Quere o teu mercado’ con diversas actividades infantís que se celebrarán este sábado na Praza de Abastos de A Ramallosa, dende as 10:30 ás 13:30 horas.

Así, o dúo ‘Voltereta e Volvoreta’ realizará diversos obradoiros e as 12:30 protagonizará un contacontos participativo. Haberá agasallos, música, globos… Por último, todos aqueles que suban ás redes socias fotos da celebración no mercado co hashtag @quereoteumercado #quereoteumercado serán agasallados cun mandil e unha mochila térmica. O obxectivo desta campaña á que se suma o Concello de Nigrán é dinamizar o mercado municipal de A Ramallosa e a súa contorna.

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha inciativa que a Dirección Xeral de Consumo promove en Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. ‘Quere o teu mercado’ (‘Love Your Local Market’), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.