Nigrán súmase un ano máis ao Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, o 2 de abril, iluminando de azul a casa consistorial, acto que na comarca promove a Fundación Menela, que xestiona un centro de atención a persoas con este trastorno en Priegue. 

Así, na noite do luns ao martes, a Casa do Concello tinguirase de azul coma decenas de edificios de todo o mundo, expresando deste xeito a solidariedade das institucións de Nigrán e os seus veciños coas persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias.

Esta campaña de sensibilización de carácter internacional promovida dende Autismo Europa busca un achegamento ao autismo desde unha mirada diferente, positiva e respectuosa coa diversidade. O lema é “I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo” e pretende representar os seguintes conceptos:

• Diversidade: porque todos somos diferentes e estamos unidos na nosa diversidade. Cada persoa con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) tamén é diferente ás demais, e ten unhas capacidades e unhas necesidades concretas.

• Fortaleza: a cohesión do movemento asociativo do autismo é fundamental para poder prestar os mellores servizos e apoios ás persoas con TEA e as súas familias.

• Unidade: mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e as súas familias só é posible se todos traballamos xuntos: o colectivo, as organizacións, os profesionais, a Administración Pública e a sociedade no seu conxunto.